1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Debido a situación epidemiolóxica os modos de moverse están a cambiar, algo que se acentúa cando se fala das vacacións. Os lugares concorridos ou espazos pechados xa non entran dentro das posibilidades do viaxeiro, abrindo as portas a zonas máis amplas e tranquilas.

Deste xeito, dende o Concello de Camariñas, xorde a iniciativa “Camariñas Explora” un proxecto de dinamización turística vinculada ao deporte. Nela propóñense 20 rutas sinaladas aos visitantes que percorren boa parte do territorio mostrando as súas paisaxes e situando o concello da costa da morte como un destino seguro.

Estas rutas foron deseñadas polos técnicos deportivos municipais que traballaron en percorridos novos e incorporaron sendeiros xa existentes. Deste xeito, acadaron 20 rutas que suman un total de 220 quilómetros e nas cales os usuarios poderán atopar a súa dependendo do nivel que busquen ou mesmo o deporte que prefiran entre o senderismo, o running ou o ciclismo.

Todas as rutas poderán seguirse dende o móbil a través da app Wikiloc, a cal utilizan case 8 millóns de usuarios e na que se poden atopar máis de 22,8 millóns de rutas a nivel mundial. En canto as camariñás estarán dispoñibles no perfil “Camariñas Explora”, ao que poderá acceder calquera usuario e dende onde as poderá seguir de xeito totalmente gratuíto. Ademais, antes de iniciar o percorrido a app dispoñerá de unha descrición do percorrido así como datos técnicos do mesmo como poden ser a lonxitude, altitude, dificultade... Alén diso, todas as rutas incluirán recomendacións para desfrutar de cada actividade.

As rutas xa estarán dispoñibles nos próximos días no seguinte enlace: https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=8513794. Con todo, o traballo terá un complemento a maiores co deseño dun folleto e de un adhesivo que se distribuirá nas diferentes localizacións da contorna e que permitirá acceder a aplicación mediante un código QR.

O concelleiro de Deportes do Concello de Camariñas, Fabián Canosa, destaca a importancia de desenvolver iniciativas deste estilo “nun contexto como o actual, no que queremos situarnos como un destino seguro e activo e para iso as actividades ao aire libre deben ser o eixo das nosas actuacións” e lembra que “en Camariñas contamos con un patrimonio natural inmenso que debemos aproveitar ao máximo, e niso estamos”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.