1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

O 25 de Novembro é o día internacional contra a violencia de xénero e con este motivo o Concello de Camariñas realizará nese día e nos que o rodean unha serie de actividades en consonancia co mesmo. Deste xeito, realizarase unha andaina o propio 25 que terá diversos elementos relacionados coa muller e a súa vida, así como un acto final de repulsa a violencia de xénero.

Do mesmo xeito, o 26 de Novembro celebrarase o I ciclo de conferencias “a investigación con perspectiva de xénero”, unha colaboración entre o Concello de Camariñas e a Facultade de Socioloxía da UDC e o Máster Universitario Oficial en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria.

O ciclo terá lugar no Museo do Encaixe cunha entrada de balde até completar aforo. Iniciarase as 16:00 ao cargo de Raquel Martínez-Buján, decana da Facultade de Socioloxía, que falará sobre “A importancia da produción científica con perspectiva de xénero”. Ás 16:15 comezará a primeira das mesas centrada na “Saúde con perspectiva de xénero” na que participarán Silvia Miragaya, terapeuta ocupacional; Raquel Viega-Seijo, enfermeira, podóloga e doutoranda no departamento de Ciencias da Saúde; e Rocío Ferreira Marante, terapeuta ocupacional. A segunda mesa comezará as 17:45 e nela Tatiana Palmeiro Ojeros, socióloga; Cecilia Diéguez Fociño, socióloga; e Noelia Teijeiro-Cal, socióloga e técnico de igualdade municipal, falarán sobre diferentes aspectos da “Sexualidade con perspectiva de xénero”.

Entre as dúas mesas de debate haberá un pequeno descanso no que se aproveitará para presentar o vídeo “Emprendedoras e bravas: mulleres de Camariñas”.

Recital de poesía feminista

Cerrará o ciclo de conferencia a poeta Lúa Mosquera quen ofrecerá un recital aos presentes a partir das 19:00. Lúa Mosquera (Miño, 1988) é unha graduada en Lingua e Literatura Galega e actual campioa da Poetry Slam Compostela e que presenta unha poesía feminista a través dos seus dous libros de poesía “Rasrás” (2018) e “Aunque seas rara y seas pájaro” (2020).

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.