- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Sociedade Sociedade
- Created: 23 Novembro 2018 23 Novembro 2018
Se a pasada semana foron os embaixadores junior do IESP Pedra dá Aguia os protagonistas coa súa semana de inmersión lingüística en Vos Peares, esta semana foi o seu coordinador, Jacobo Santos, quen acaparou tal distinción. Con motivo dun curso de formación de tres días que tivo lugar no Parlamento Europeo de Bruxelas, e no que participaron ademais doutras tres escolas embaixadoras españolas, máis de 80 escolas embaixadoras europeas, o embaixador senior do Instituto presentou en sociedade e con gran éxito á mascota que elixiron para ser a imaxe en Europa. Trátase dun polbo de nome Caramiña, que vai ataviado cun gorro rematado con encaixe da zona e unha chapa identificativa do Centro. A mascota deixouse fotografar en diferentes lugares e con personalidades como a Directora do Comité Económico Social Europeo, Isabel Caño.
As xornadas de formación, máis aló de ser un escaparate para situar a Camariñas en Europa, serviron para resaltar a institución do Parlamento Europeo, que celebrará eleccións o proximo maio, e para visualizar as boas prácticas que están a desenvolver as diferentes escolas embaixadoras europeas. As chapas co logo do Centro, a figura de Euroman, a celebración do Día de Europa sobre patíns e con todas as bandeiras da UE, o show de Eurovisión que se montou para entroido e outras actividades realizadas no Instituto foron vistas como obxectivos a copiar polas outras escolas.
O IESP Pedra dá Aguia comprometeuse en Europa a apoiar a campaña das eleccións europeas, “ estavezvoto” e para iso conta coa colaboración de toda a comunidade educativa, o Concello de Camariñas, a Deputación da Coruña a través de EuropaDirect e a oficina do Parlamento Europeo en Madrid.
A seguinte acción será a participación o próximo 14 de decembro no debate entre os catro europarlamentarios europeos, que terá lugar na Deputación da Coruña, e ao cal o Centro foi amablemente convidado por EuropeDirect.
