5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)
Di o vello tango arxentino que vinte anos non son nada pero a nosa Mostra do Encaixe vai cumprindo etapas cara o seu trinta aniversario. Este mércores cumpriu 28 cun amplísimo abano de actividades pero cun marcado carácter internacional e cunha posta en escena realmente espectacular no salón de desfiles, ou con melloras técnicas evidentes no son.

A Mostra son as palilleiras e alí están tódalas asociación que engloban a centos de mulleres que seguen mantendo unha tradición secular en tódalas comarca, pero que é en Camariñas onde toma carta de natureza e onde as institución se tomaron moi en serio rescatar, manter e preservar para o futuro a principal sinal de identidade deste concello. Identidade ineludiblemente ligada á muller camariñana, a muller pesca e labrega, a muller que tece o mundo con fíos de tódalas cores nunha almofada onde agocha, en moitas xornadas de traballo, a creatividade que nace dunha herdanza secular transmitida de avoas a netas ao longo de séculos.

E desa creatividade xurde unha das pasarelas de moda mais importantes de Galicia, onde os deseñadores recoñecidos e consolidados comparten espacio con aspirantes a ocupar ese lugar no futuro. Camariñas ten consolidado hoxe un dos concursos de deseñadores noveis mais importante de España. E todo ilo co encaixe como figura estelar.

Unha novidade digna de mención é o ciclo de cine Camariñasdecine. Unha actividade dun nivel cultural moi alto que ten como fío condutor o papel da muller en tódolos aspectos da vida laboral e que, na maioría dos casos, é absolutamente silenciado ou, no mellor dos casos, soportado. Nesta edición da Mostra están pasando directoras de cine, actrices, e recoñecidas loitadoras pola igualdade entre homes e mulleres.

A Mostra máis espectacular dos últimos anos congrega a gran cantidade de deseñadores e consolídase como centro da moda en España

Cabe destacar, neste apartado, a presencia dunha ampla representación dunha das empresas do téxtil mais importantes de Galicia e de España: Adolfo Dominguez. A delegación, composta por catro persoas, estivo encabezada polo seu Director de Comunicación Mario Avila quen, antes de fichar por Adolfo Domínguez, traballou en empresas tan prestixiosas no mundo da moda como Mango ou Loewe.

E deixamos para o final a inauguración. Non porque non sexa importante, que o é. Se non porque merece unha análise aparte. Estiveron coma sempre unha representación menor da Xunta de Galicia, en canto ao rango institucional que non ao persoal da Sra. Directora Xeral de Comercio a quen o alcalde agradeceu o seu compromiso con Camariñas e coa Mostra. Acudiu tamén a Dtra. do Centro de Deseño da Artesanía de Lugo. A Deputación Provincial estivo represetada polo Vicepresidente e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández. Tamén estiveron presentes o deputado popular na cámara galega Aurelio Núñez Centeno que nunca falta a esta cita, e o deputado nacional do PSOE Ricardo García Mira. Ámbolos dous naturais da Costa da Morte, o primeiro de Carballo e o segundo de Baio. Cabe destacar tamén a presencia do alcalde e varios concelleiros de Corcubión e da alcaldesa de Guitiriz entre outras autoridades. E, por suposto, concelleiros e concelleiras das distintas formacións políticas con presencia na corporación municipal.

As representantes da Xunta alavan o traballo das palilleiras e da organización da Mostra do Encaixe


Este ano acudiu tamén, por primeira vez, o novo secretario xeral dos socialistas galegos Gonzalo Caballero que estivo en todo momento acompañado polas dúas camariñanas que forman parte da súa executiva, María José Gerpe e Encarna Liñeiro.

Na súa intervención o alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León, agradeceu a colaboración do Presidente da Deputación na organización da Mostra e o apoio incondicional á súa celebración ano tras anos. Igualmente agradeceu a presencia da Directora Xeral de Comercio aínda que criticou o sectarismo institucional que se practica dende a Xunta de Galicia para con Camariñas e para coa Mostra.

E aproveitou tamén para reivindicar actuacións que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia e que seguen inconclusas e lonxe de abordarse: o remate da autovía, os problemas da pesca aos que se suma agora os da pataca ou o remate da fachada marítima de Camariñas.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG visita a mostra e queda sorprendido do traballo que se fai en Camariñas


Rematou a súa intervención o alcalde amosando o agradecemento de Camariñas ás súas mulleres e as palilleiras por facer posible este evento e por dar a coñecer este concello no mundo enteiro de tal xeito que a Mostra deste ano sexa a mais internacional de todas.

Así comezou a Mostra 2018. E así agardamos que perdure durante moitos anos mais porque a Mostra do Encaixe de Camariñas xa é algo mais que unha mostra, é un patrimonio colectivo de Camariñas e dos camariñáns.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.