1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
A Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación da XXVIII edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará entre os días 28 de marzo e 1 de abril de 2018. No acto participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, a concelleira responsable de Promoción do Encaixe, Sandra Ínsua, e a actriz fisterrá Marta Lado. Esta última protagoniza o cartel e o vídeo promocional, que se proxectou hoxe por primeira vez na sede da institución provincial.

A presentación tamén contou coa presenza dunha delegación composta por unha trintena de palilleiras de Camariñas, que efectuaron unha demostración en vivo da súa arte. O presidente da Deputación agradeceu ás palilleiras que se desprazasen un ano máis ata a sede da institución provincial para “axudar a promocionar unha feira que é un emblema da nosa provincia” e pola súa labor que “mantén viva unha tradición única no mundo”.

As palilleiras na presentación do cartel da Mostra do Encaixe

González Formoso lembrou a estreita colaboración que une á Deputación da Coruña coa Mostra de Encaixe, que apoia desde a súa primeira edición. “Asinamos un convenio anual co concello, que é apoiado de xeito unánime por toda a corporación provincial”, sinalou González Formoso ao tempo que comprometeu esta colaboración tamén para a vindeira edición. Valentín González Formoso destacou a traxectoria de colaboración da institución provincial coa feira desde a súa primeira edición, e comprometeu o apoio tamén para o vindeiro ano

Ao igual que o ano pasado, a achega da Deputación ascenderá a 120.000 euros, ademais de poñer a disposición a imprenta provincial para a elaboración dos carteis e o material promocional. Un apoio material cun valor superior aos 22.000 euros en cada edición da feira.

O presidente provincial recibiu a unha delegación de palilleiras, ás que agradeceu a súa labor para preservar “unha tradición única no mundo” e promocionar unha mostra “emblemática da nosa provincia”

Pola súa banda, o alcalde camariñán, Manuel Valeriano Alonso, manifestou o seu agradecemento á Deputación “por retomar a colaboración firme coa Mostra do Encaixe durante este mandato” e ao presidente provincial “pola súa implicación persoal” no apoio ao evento.

Proxección do vídeo promocional


No acto celebrado hoxe tamén se presentaron o cartel e o vídeo promocional da XXVIII edición da Mostra. O vídeo contou coa colaboración da deseñadora Sandra Lage, recoñecida polo uso do encaixe de Camariñas como sinal de identidade dos seus deseños.

Baixo o lema “Camariñas, onde nace o encaixe”, a curtametraxe narra a historia da elaboración dun traxe de noiva percorrendo distintos espazos do concello de Camariñas, coma o faro do Cabo Vilán ou a praia de Arou, e contrapoñendo elementos modernos coma o deseño innovador do traxe, con outros tradicionais coma o velo herdado da avoa.

A concelleira responsable de Promoción do Encaixe, Sandra Ínsua, explicou que o vídeo “reflicte valores coma a tradición, a modernidade, o deseño ou o futuro”, poñendo en valor o uso do encaixe na moda e a transmisión xeracional desta arte, coa figura da pequena Andrea aprendendo a palillar con Angelita, unha das máis veteranas do concello.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.