- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Sociedade Sociedade
- Created: 18 Novembro 2017 18 Novembro 2017
Continúa o traballo que dende o Concello de Camariñas se realiza contra esta lacra da nosa sociedade como é a violencia de xénero. Así, este mércores 15 de Novembro de 2017, a concelleira de servizos sociais Sandra Ínsua desprazábase ata Santiago de Compostela para asinar o protocolo para a campaña “En Negro Contra as Violencias Machistas”. Esta é unha iniciativa de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero promovida por máis de 50 Concellos galegos, entre eles, Camariñas. Esta importante campaña deste grupo de concellos ten como obxectivos os seguintes puntos:
- Fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos.
- Implicar a toda a cidadanía nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas.
- Identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais.
O acto tivo lugar as 11:00 da mañá coa chegada dos representantes dos Concellos e Deputacións. Reunidos todos e todas fíxose a foto de familia nos soportais do Pazo de Raxoi. A continuación todos os presentes desprazáronse ata o salón Nobre do Pazo, onde se continuou o acto coas quendas de intervención. Finalmente asinouse o protocolo no Salón Verde do Pazo de Raxoi.
En fin, unha boa iniciativa desenrolada dende o concello para tratar de concienciar e erradicar da sociedade esta lacra social: “As Violencias Machistas”