1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O mércores 18 de xaneiro, o IES Plurilingüe Pedra da Aguia, de Camariñas, recibiu a visita de tres exdeputados do Parlamento galego, o que se está a converter  nunha constante nos últimos cinco anos.

Alberto Sueiro (PP), Marisol Soneira (PSdG) e Xesús Veiga (BNG) contaron como funciona o Parlamento de Galicia e as súas vivencias na política aos máis de 40 alumnos de 3º da ESO matriculados no Centro. Resaltaron a importancia do diálogo entre as diferentes forzas políticas como a base da democracia, e que as discrepancias na forma de pensar entre os políticos non enturbian as boas relacións entre eles.

No turno de preguntas, os alumnos quixeron saber as consecuencias da irrupción con forza das mareas nesta lexislatura; tamén preguntaron polo tema do voto dos emigrantes galegos e se cando un accede á política sinte que ten máis poder. Finalmente, pediuse unha reflexión sobre o problema demográfico en Galicia, e en Camariñas en especial, e se a xente nova vai ter que seguir indo ás grandes cidades ou mesmo ao estranxeiro para mellorar o seu futuro.

Os exdeputados destacaron o clima agradable no que se desenvolveu a charla e manifestaron o seu desexo de voltar no vindeiro curso.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.