- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Sociedade Sociedade
- Created: 25 Xaneiro 2014 25 Xaneiro 2014

Este xoves enterrouse Fina do Tuiño, Josefina Rodríguez Cibrán, á meritoria cifra de 102 anos. Con ela foise a matriarca das puntilleiras de Camariñas, un oficio non recoñecido como se debería. Eran esas vendedoras de encaixe que levaban os nosos labores polo mundo adiante, de feira en feira, e que no século pasado tiveron na miña vila, Ponte do Porto, o seu principal centro de referencia. Ata non fai moito podia saudala no seu posto na Mosta do Encaixe e sen dúbida a súa falta vai ser un oco non doado de cubrir, un deses silenzos enxoitos, como a sombra do lóstrego da xente grande que se vai pero que sempre fica. Esas grandes mulleres do encaixe como Fina, como a miña tia Sofia Rodríguez, Lola de Moncho ou a inmensa camariñana Carmiña Touriño, son parte dunha xeira pasada, de traballos, sacrificios e de glorias.
Tiven a sorte de coñecelas e tratalas a todas. De ver cada feira como entraban na casa de Moncho de Dios as panilleiras de Braño, Arou, Santa Mariña, Leis con caixas de labor. Caixas que Moncho e Lola levaban por toda España, a veces na compaña da miña avoa Amelia, que lle gustaba moito viaxar. León, Asturias, Castela, Pamplona. Pasei moitas fin de semana no regazo de Carmiña Touriño na miña casa, xogando co seu fillo, porque era raro o venres a noite que non se achegara a ver ao meu pai, e ata o domingo a noite a tiñamos na casa. E escoitaba os seus relatos, as suas viaxes a lugares fantásticos, via as marabillas de labor recen comprado cando llo ensinaba a miña aboa. Carmiña Touriño nos anos escuros, cando o labor estaba esmorendo, levou o nome de Camariñas por todo o mundo. Non so a España. A Detroit, Nova Iorque, Burdeos, París.
E a Fina do Tuiño sempre a recordo no mercado de Ferrol, onde ia co meu tío Paco de Arou, ou miña tia Lola, que tanto me falaban dela. Do seu traballo incansable, dos seus éxitos na vida. A Fina mollabanselle os ollos cando me via, a aquel rapaz que a viña a saudar e era neto da sua curmá Lucita, sobriño de Paco e Lola da Jovita, “un da Ponte, un dos meus” dicía no medio do mercado do Ferrol Vello. Cando via o seu espectacular stand dobre, cheo de fantásticas pezas, na Mostra do Encaixe enchíame de orgullo, porque era da miña parroquia, de Dor. Do meu sangue. Porque era curmán da miña avoa e da miña tia, Lucita e Sofia Rodríguez, nacidas na Grixa, onde aprenderon a panillar na casa do Formigo e na do Pacheco. Porque nos meus veráns en Ferrol na casa dos meus tios raro era o dia de mercado que non a via, tendo compartido cos seus fillos tardes de praia nos grandes areais ferroláns. En fin, desde neno coñecin a estas fantásticas mulleres e ese oficio das puntilleiras, que xa non será o que foi pero mantivo en pe unha artesanía, unha herdanza que hoxe é o maior tesouro do noso concello. Elas foron as que deron sona e fama a Camariñas mais que ninguén, porque Camariñas e encaixe son a mesma forma, indivisible, única.
Rafael Lema








Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.