1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
 

A S.D. Camelle e o Mazaricos gardando un impresionante minuto de silencioFoi a mellor mostra de recoñecemento, de gratitude, de nostalxia, de toda unha vila cara un dos seus veciños. A triste desaparición de José Lavandeira Vieites un tráxico 21 de xuño sumía a Camelle no maior shock colectivo da súa historia recente e así o podíamos comprobar cando pasados cáseque dous meses ese fantástico monumento ao auténtico fútbol da Costa, o Estadio do Rodeiro, se enchía ata os topes para homenaxear ao que foi un dos seus veciños máis salientables, máis sobranceiros, máis queridos. O impresionante minuto de silencio cos dous equipos no centro do terreo de xogo e a entrega por parte da Directiva camellana dun pequeno presente á filla e viuva de Pepe do Chalana poñían un nudo en moitas gargantas e conmovían a todo un graderío volcado. Alí atopábase case toda a veciñanza da vila camellana e tamén entre o público podíamos albiscar a parte da nova Xunta Directiva doutro histórico destas terras tamén vido a máis nesta última tempada, o Porteño. Despois disputaríase un vibrante encontro entre os clubs representativos das dúas vilas da alma de Pepe, Camelle e Mazaricos. O resultado, 4 a 1 para os camelláns, foi de menos. O de máis: unha sinceira e emotiva homenaxe que quedará para a historia de Camelle e do Concello de Camariñas.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.