1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
José Manuel posa a caron da nova televisión do madridismo camariñánEste sábado 2 de abril presentábase dunha importancia vital para o Real Madrid e non tanto pola disputa do encontro no que á fin e á postre tiraríase pola borda unha nova liga senón porque o  Café Bar José Manuel, o templo emblemático do madridismo camariñán, estreaba oficialmente novo televisor: un xigantesco pantallón LG, de 55 pulgadas e imaxe hipermegapixelizada, que está chamado a transmitir durante os vindeiros anos as futuras xestas deportivas do máis glorioso dos clubs de fútbol. Pero así e todo, porque todo hai que decilo co máximo dolor do noso sufrido e lacerado corazón, os comenzos non foron bos.

O partido do Real Madrid contra o Real Club Sporting de Gijón preséntase co arrecendo típico dos partidos decisivos: ese tono de tarde longa de primavera onde se xoga todo en noventa minutos. Ás 18:00 horas todo está listo e cada un está no seu posto. Como nunha igrexa. Dous inmigrantes indonesios son os últimos en sumarse a unha abigarrada e variopinta parroquia de fieis aos colores brancos composta entre outros por mariscadores, carpinteiros, patróns de pesca, xubilados, directores de banco, albañiles ou secretarios interventores da administración local. Aos poucos minutos de iniciado o encontro, un gol misteriosamente anulado levanta os primeiros clamores entre a aficción e o eterno lamento madridista respecto a parcialidade do estamento arbitral. Segue un anodino discurrir do encontro que parece cargar de razóns aos antimourinhistas presentes, aos cales sen dúbidas non axuda a convencer a lamentable disposición táctica do conxunto branco.

Chegado o descanso prodúcese unha estampida cara a agraciada tarde primaveral e, así, o madridismo apodérase das rúas de Camariñas. Apoiados contra os muros do antigo patrimonio da Fundación Fernández Espín, fúmanse ansiosamente preocupados cigarrillos en espera da segunda parte do acto. Recén recomenzado o partido un coñecido hincha barcelonista entra no José Manuel por aquelo de selar unha quiniela e tomarse un refrixerio cubateril e non pode evitar fixarse na nova televisión: "...mmm, vai ser muita pantalla po Madrid". Fóra de forma e cun certo sobrepeso despois de máis de cinco meses de lesión, entra El Pipa Higuaín para revertir a sorte dun encontro que mediada a segunda metade adquire tonos certamente preocupantes. No minuto 75 De Las Cuevas solta o mazazo que sentencia unha liga e o local énchese dun mar de miradas perdidas e un debe afogar no fondo recóndito das entrañas unha gañas repentinas de marchar e perderse na nada. Dende unha das paredes dun local convertido por dereito propio en museo do madridismo, unha imaxe autografiada do mellor medio centro que viron os séculos, Fernando Carlos Redondo Neri, contempla impotente a énesima debacle do Madrid. Dentro da barra, José Manuel limpia concienzudamente cun pano un vaso e empuxa con todo o peso da súa alma o arreón final madridista cara un área convertida en fortaleza que derribar. Constatada a traxedia, algún dos presentes busca excusas e demostra que non se consola o que non quere: "...o Madrid sije sendo o millor equipo de España ... porque vai janala Copa: ... lojo, ¿o que jana a Copa non é o campeón de España, lojo?. Pos xa está".

Certamente o estreo da nova televisión non foi bo. Os triunfos poderán facerse de rogar, poderán tardar en chegar pero o novo pantallón LG, 55 pulgadas e imaxe hipermegapixelizada, propiedade do madridismo camariñán acabará reflexando a través do seu fondo de plasma novas glorias brancas, eso que ninguén o dubide, porque, xa o dixemos unha vez e agora o repetimos, o Madridismo poderá estar ferido pero non morto. O Madridismo nunca morre.

{phocagallery view=category|categoryid=597|limitstart=0|limitcount=0|detail=8|imageordering=1}

 

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.