Co fondo plástico dun virxinal ceo azul, os espectadores desfrutaron do Baile Tradicional Galego
Corcubión, gañador final
Alí, sobre as pedras dun Paseo Fluvial que absorto contempla o fluir maxestuoso do Río Grande, tivo lugar o 2º Concurso de Baile Tradicional Galego da Ponte do Porto con notable éxito de crítica e público: ata varios centos de espectadores congregáronse na mañán deste domingo 14 de marzo de 2010 para desfrutar das magníficas evolucións dos nosos cativos glorificando a arte milenaria galega. Respecto ao segundo punto da orde do día, o dunha Feira da Ponte que con esta clase de actividades se pretendía revitalizar, pois en fin... ¿para que nos vamos a enganar? Os meros exercicios de voluntarismo aquí xa non valen para nada e tal vez haxa que ser realistas. Pero polo que se refire ao concurso, o xurado finalmente decantouse polas Tres Muiñeiras executadas maxistralmente polo Grupo Nerio, da Universidade Popular de Corcubión, quedando en 2º e 3º lugar respectivamente a Asociación Deportiva e Cultural Brens de Cee e a Agrupación A Reguleira, da ANPA de Carnota. E alí, ao carón das masas desplazadas dende os máis diversos puntos da Costa da Morte, estivo presente a web que mellor a representa, aquela que é a máis vista con moita diferencia, captando a máis amplia e exhaustiva galería fotográfica posible do evento: 240 excelentes fotografías.
Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.