5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

Este venres 28 de febreiro, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e o alcalde de Muxía, Iago Toba; firmaron en Muxía un acordo para traballar conxuntamente en tres proxectos que permitirán mellorar o emprego e a formación nestes municipios.

O investimento total previsto é de 1.060.026 euros, que se prevé cofinanciar a través das respectivas subvencións solicitadas á Xunta de Galicia, e que se destinarán a financiar os seguintes proxectos: obradoiro dual de emprego ‘Camiño ao Emprego’, obradoiro xuvenil de emprego ‘Xuventude polo emprego’ e o programa integrado de emprego ‘Tecedoras de Futuro’.

Os tres Concellos firmaron hoxe un acordo para traballar conxuntamente en 3 proxectos. Beneficiaranse directamente 144 persoas pero os beneficios chegarán a toda a poboación dos tres municipios.

A poboación directamente beneficiaria destes programas ascende a 144 persoas entre alumnado, persoal dos obradoiros e usuarias do PIE pero os beneficios deste tipo de proxectos chegarán de xeito indirecto a toda a poboación de Muxía, Camariñas e Vimianzo.

O obxectivo que se persegue con este investimento é o de mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego nos tres Concellos, así como o fomento da cultura emprendedora, a creación de empresas e a fixación de poboación no rural.

Tanto Sandra Insua, como Mónica Rodríguez e Iago Toba destacaron a importancia da unión dos tres Concellos para “poder levar a cabo iniciativas como son estes tres programas que terán un beneficio directo e tanxible sobre a poboación”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.