5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

O salón de plenos do Concello de Camariñas acolleu hoxe a sesión constitutiva dunha nova corporación no Concello de Camariñas, tralas eleccións municipais do pasado 26 de maio. A socialista Sandra Insua, que acadou maioría absoluta, foi investida e será a alcaldesa de Camariñas durante o próximo mandato. Na votación, a rexidora foi investida grazas a maioría absoluta coa que conta a lista socialista, con 8 concelleiros dun total de 13. Pola súa parte o PP, con 4 escaños (no pleno de investidura só puideron asistir 3), votou ao seu candidato e o BNG, con 1, fixo o mesmo coa súa cabeza de lista.

Sandra Insua asentará o seu mandato a través da “cercanía, seguridade, traballo e tesón”. A candidata socialista foi investida hoxe como alcaldesa coa maioría absoluta que lle concederon as eleccións do 26 de maio.

Tras recoller o bastón de mando, a recén designada alcaldesa tomou a palabra para dar inicio a “unha nova etapa, grazas ao apoio dos camariñáns xa que seis de cada dez persoas das que votaron ese domingo pensaron que a mellor decisión era apoiar a candidatura dos e das socialistas en Camariñas”.

Tamén agradeceu a Bautista Santos polo “traballo que o levou a conseguir a maioría dos apoios durante décadas para consolidar os pasos que nos levan a Camariñas que hoxe coñecemos” e a Pichurri por “ocupar o seu tempo en empurrar nunha única dirección, cara adiante, sentindo que o que merecen os veciños e veciñas é traballo, ilusión e progreso”.

Sandra Insua asegurou que asentará o seu mandato “nos piares da cercanía, seguridade, traballo e tesón” e tamén falou de proxectos, prometendo que loitará “pola remodelación e mellora dos paseos marítimos da Vila e da Xunqueira, da Ponte” e recordou que “imos poñer en marcha o Centro de Día en Camariñas”.

investidura sandra insua camarinas 2

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.