1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Onte un asasino machista recorreu máis de dous mil quilómetros dende Alemaña á España para matar a súa ex parella. Foi o último crime machista cometido por un fulano que, coma tantos outros, pensaba que a muller non é mais que unha propiedade sobre a que se pode exercer todo tipo de control e que, chegado o caso, incluso quitarlle a vida. En todo o mundo hoxe dedícase este 25 de novembro a condenar á violencia machista. En todo o mundo menos no PP de Camariñas.

Nas derradeiras eleccións municipais, 1.303 cidadáns de Camariñas outorgáronlle a súa confianza á candidatura que presentou o Partido Popular en Camariñas. Todas esas persoas están orfas de representación porque alguén, nesta formación política, tomou a decisión de que a mellor forma de servir aos intereses colectivos é ausentarse das institucións ao mellor estilo dos grupos antisistema. Iso si, logo de facer acto de presencia e cobrar as correspondentes dietas.

O PP de Camariñas é unha contradición en si mesmo. Di que non recoñece ao alcalde pero diríxelle escrito, a través do rexistro municipal, onde se dirixen a él como “alcalde de Camariñas”; láianse de que o equipo de goberno non conta con eles en asuntos tan serios como a loita contra as drogas pero non asisten as convocatorias publicas feitas para tentar afrontar este grave problema; non se lles coñece iniciativa, nin proposta de debate serio, sobre calquera tema polo que os cidadáns os elixiron: educación, sanidade, pesca, marisqueo, infraestruturas, etc., pero critican toda iniciativa levada a cabo polo grupo de goberno aínda que sexa para poñerse do lado doutras administracións.

Pero a irresponsabilidade ten grados. E no Pleno do Concello deste venres 24 de novembro o PP de Camariñas acadou o seu máximo nivel. O grupo de goberno repartiu aos asistentes camisetas negras co lema CAMARIÑAS EN NEGRO con motivo da celebración do Día contra a Violencia de Xénero para fotografarse todos xuntos, sen distinción de credos políticos ou sociais, contra un fenómeno dramático como é a violencia machista. Pois ben, tódolos asistentes ao pleno vestiron a camiseta e amosaron o seu rexeitamento á violencia machista menos os concelleiros do Partido Popular que, con desprecio absoluto, abandonaron o pleno deixando tiradas sobre a mesa as camisetas que o resto levaba postas con orgullo.

Quizá alguén, no seo do Partido Popular, pense que así van a conseguir gañar a confianza que as urnas lles veñen negando dende sempre en Camariñas. Este modesto medio de comunicación non ten vocación de prever o futuro pero da toda a impresión de que este non é o camiño.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.