2.6595744680851 1 1 1 1 1 Rating 2.66 (47 Votes)

 
Desde a Plataforma Veciñal de Merexo remítennos a esta redacción unha carta en contestación ao artigo de Marisol Soneira Tajes, deputada no Parlamento de Galicia, que publicamos nesta web a finais da semana pasada. A plataforma veciñal de Merexo formouse a causa do polémico proxecto que Stolt Sea Farm ten para este pequeno pobo do Concello de Muxía: A construcción dunha mega-pranta de cría de rodaballo nas súas terras. No artigo que Marisol Soneira nos remiteu á redacción de camarinas.eu, a deputada facía fincapé na defensa da acuicultura presentando un documento da FAO, que é unha organización das nacións unidas para a alimentación e a agricultura no que se alerta sobre a situación de sobreesplotación dos oceanos polo ser humano. Para responder a calquer artígo de opinión non tes máis que mandalo xunto ao teu nome e apelidos ao seguinte correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. , ademáis tamén tendes dispoñible un foro especial de debates para discutir sobre todo o relacionado coa acuicultura .

Estimada Sra. Soneira:

Os veciños e veciñas de Merexo estamos moi agradecidos pola súa capacidade de sorpresa, pero infelizmente non supera en nada á nosa por moito que vostede o intente. Sorprendidos estamos nós de ter unha diputada no parlamento de Galicia que non defende os intereses da xente que a votou.

Sorprendase canto queira, sí señora Soneira, porque voltaríamos a Camelle mil veces máis para estar cos nosos veciños, cos nosos irmáns, nesta luita tan xusta e digna como indeseada. Sí, señora Soneira, e decimos irmáns porque Camelle coma Merexo está mezclado no mesmo fango. Un fango de cemento e formigón que vostede apoia incansablemente contra o clamor do pobo que a votou.

Decir que os veciños de Merexo berramos a favor de Touriñán é decir moito. Xa sabe, como en botica, uns sí e outros non. Pero a realidade fai pensar que vostedes moi probablemente sacáronnos de Guatemala para meternos en Guatepeor.

¡Noraboa, Sr.a Soneira! Vostedes foron quen de poñernos dacordo somentes nunca cousa. Vostedes foron capaces de poñernos dacordo porriba de todo para berrar. Pero para berrar:

¡Non a esta desfeita!
¡Non a este asoballamento!
¡Non a este roubo manifesto!

Porque o que vostede di en Santiago desde o seu escaño de diputada non é o que di en Camelle: “Se os veciños non queren, non se farán as piscifactorías”. Teña vostede arranque, teña valor, sexa coherente e sexa capaz de decirllo á súa compañeira de partido, a conselleira de Pesca. Dígallo así de claro tamén ó Presidente da Xunta e máximo resposable do seu partido. Dígalle que coa mesma sensibilidade e vehemencia que defendeu Cabo Vilán e Touriñán, defensa ahora Camelle e Merexo. Vostede sabe igual que nós que en Touriñán tamén berraban a favor distinguidos membros do seu partido. Pregúntello a eles, a ver se teñen a cara e o valor de negalo agora.

Sra. Soneira, esto non ten pés nin cabeza. Nas sociedades civilizadas, a última palabra do que debe facerse nos pobos téñena os que habitan ese pobos. Sí, sra. Soneira. Non se agoche vostede detrás da Rede Natura. O Comisario de Pesca da Unión Europea dixo claramente que a Rede Natura non impide a acuicultura. Pregúntelle ó Comisario de Pesca da UE a ver que lle parece montar estas macropiscifactorías no frente das casas. Diga vostede se a normativa comunitaria leva as empresas ó medio dos pobos, entre as casas, ou habilita espacios onde non interfiran na calidade de vida dos seus habitantes.

Sra. Soneira, pida dunha vez a palabra non Parlamento e suba ó estrado. Diga claramente: “Sra. Carmen Gallego, os veciños da miña comarca non queren este Plan de Acuicultura e eu estou con eles”.
Non faría nada de máis. ¿E sabe por qué? Porque os veciños de Camelle e os de Merexo tamén pagamos cos nosos impostos o ingreso bancario de máis de 3.000 euros que vostede ten por soldo o día 30 de cada mes. E por eso esperamos máis de vostede.

Diga vostede por que os veciños de Camelle non se enteraron do periodo de alegacións. ¿Contestámosllo nós? Porque vostedes, ó igual que intentou facer o seu compañeiro Félix Porto, alcalde de Muxía, pretendía que ninguén se enterase.

Sí, sra. Soneira, é un atentado contra a inteligencia dos veciños que estábamos o outro día en Camelle decir que se lle pasou comentalo, ou que houbo un erro nun fax. Esto non é socialismo, sra. Soneira. Esto é fascismo. É proceder doutra época. É unha táctica caciquil, coma aqueles prestamistas de pouca monta que na postguerra esperaban a que caducase o plazo para levantárselle coa leiriña ó humilde veciño que non tiña máis.

Non quixéramos aburrir ós lectores analizando os beneficios da acuicutura. Que deso poderíamos falar moito os veciños de Merexo despois de 20 anos compartindo día a día cunha empresa que vostede defende agora como a panacea do desenrolo. Sí, Sra. Soneira, máis tempo que ninguén.

Pero, por se non o sabe, en Merexo, Stolt Sea Farm-Prodemar, que vostede tanto defende, consume a auga dulce do manantial de propiedade veciñal e faino de prestado fai 20 anos. Nunca se preocupou se ó pobo lle facía falta nada, ainda cando os veciños nos xuntamos para reparar una fuga ou a rotura dunha tubería. Esa é unha das grandes aportacións desta empresa. Se quere, podemos contarlle máis contribucións.
Sra. Soneira o Plan que a vostede lle leva a vida, nin defende o medioambiente, nin a sostenibilidade. E vostede, desgraciadamente fai o que lle mandan os xefes do seu partido en Santiago. Seguro que llo agradecerán toda a vida polos servicios prestados. Mágoa que a Costa da Morte, Camelle, Merexo e a Ría de Camariñas non poida decir o mesmo.

Atentamente,
Plataforma Veciñal de Merexo.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.