5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (2 Votes)

Un pode entender como a primeira onda desta pandemia colleu por sorpresa tanto a administración como as institucións da sanidade pública. En certo modo o colapso parecera algo inevitábel... pero que aconteza nesta sexta onda de novo xa non parece tan coherente. Se ben o sistema non estaba preparado nun primeiro momento o lóxico é pensar que se buscaría unha solución reforzando a atención médica en todos os seus eidos. Porén, isto non foi o que aconteceu, ao contrario, en moitos casos víronse novas de despidos e de reestruturacións do persoal, todo constantemente denunciado por elementos do sector sanitario que avisaban das posibles consecuencias a futuro ao mesmo tempo que reflexaban as que xa padecían como son a fatiga, o estres e a ansiedade... pero non se lles fixo caso e chegados a este punto resulta xa moi complicado pasar por alto esta situación sen preguntarse porque pasa todo isto...

A precariedade na sanidade pública nun estado como o español non é algo que acontece de un día para outro. Os recortes neste eido dos presupostos inícianse na crise económica do 2008 durante o goberno de José Luís Rodríguez Zapatero e continuou cos posteriores (especialmente durante a primeira etapa de Mariano Rajoy). Isto levou a un sistema sanitario anémico cuxo colapso ante a aparición da pandemia mundial era inevitábel.

O criterio que se seguiu para xustificar esta redución dos presupostos foi a falta de recursos. Un “non hai diñeiro” baixo a sombra da temida Troika. Porén, ao pensalo coa perspectiva do tempo resulta cando menos complicado aceptar esta realidade de falta de recursos para un elemento esencial como é a saúde da cidadanía cando no mesmo tempo si existiron recursos para axudar ao sector financeiro ao cal se lle inxectaron cantidades astronómicas de diñeiro público. Deste xeito, os motivos que conducen a esta situación non semellan ser a escaseza de recursos se non máis ben determinar onde se atopan as prioridades de unha perspectiva ideolóxica. Os motivos estarían non nas causas se non nas consecuencias como sería unha privatización dos servizos.

Seguirían así unha formula básica presentada por Noam Chomsky pola que se fai necesario producir un mal funcionamento nos servizos para poder privatizalos posteriormente. En primeiro lugar, redúcese a súa partida nos presupostos de forma progresiva alegando necesidades máis urxentes. Isto fai que mingüen os materiais e o persoal que continúa a soportar a mesma carga de traballo. A precariedade acaba afectando ao usuario no que xorde a frustración de non acadar unha solución a súa problemática. Mentres refórzase a posición do sector privado a través de distintos axentes sociais que aseguran a súa garantía de fiabilidade. Finalmente, so hai que sinalar o camiño cando o descontento se xeneraliza e a gran maioría da poboación esixe unha alternativa que funcione. Así, non so se logra o obxectivo se non que se fai co apoio dos damnificados.

No caso concreto da sanidade pública española hai que engadir na ecuación a pátina de romanticismo coa que se recubriu o sector durante o confinamento. O tratamento de heroes e as numerosas manifestacións públicas de agradecemento estaban cargados de veleno. Con elas afastouse a situación que estaban a vivir os profesionais do sector sanitario da realidade cotiá até ser un ente co que non gardamos relación (polo menos non de un modo igualitario). Isto facilitou a falta de empatía co sector permitindo declaracións como as de Isabel Díaz Ayuso cando sinala que “vai investigar” o que ocorre nos seus centros de saúde nos que “desaparece persoal” ou “non se collen chamadas”.

Perder un dereito polo que loitaron milleiros de persoas durante anos sempre é unha desgraza, pero facelo deste xeito, como está acontecer coa sanidade pública, é indescritible... a sanidade privada non busca o ben estar se non o beneficio, algo que non se debe esquecer baixo ningún concepto, e falar de cifras económicas en algo tan imprescindible como é a saúde non debería estar dentro dos debates de un estado que se denomina a si mesmo democrático e avanzado.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.