1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

No mes de Xaneiro o Concello de Camariñas propuxo un plan para realizar unha senda na ribada da Punta dos Castros e, deste xeito, poder conectar a zona da Area da Vila coa praia de Lingunde. Porén, este foi rexeitado polos expertos en arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza alegando que o estudo previo realizado sobre o terreo era insuficiente. O motivo dese rexeitamento foi que por onde se situaría a senda ao finalizar o proxecto podería ser un terreo que gardara restos arqueolóxicos a unha maior profundidade da que se estudo polo de agora.

Por este motivo a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, e o primeiro tenente alcalde, Sergio Caamaño, mantiveron unha reunión coa arqueóloga de Patrimonio nos últimos días para tentar desbloquear a situación. Nesta xuntanza presentaron un novo plan de actuación na zona enfocado a soster a ribada sobre a que se asenta o castro que, a día de hoxe, corre perigo de virse a baixo.

O novo proxecto tería un primeiro paso que consiste na realización de catas sobre o terreo para comprobar se a maior profundidade existen restos susceptibles de seren conservados. Posteriormente, situaríase a senda de xeito que mantivera o castro protexido, así como que asentara a ribada mantendo a súa integridade con materiais acordes a contorna.

O concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Sergio Caamaño, destacou que “sempre pensamos que a protección do castro é indispensable para a creación desta senda e por iso presentaremos unha nova alternativa, que permitirá asentar o talud”.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, subliña que “unir estas dúas zonas dun xeito seguro para os viandantes tamén é indispensable, é unha antiga demanda para un itinerario que ademais forma parte do Camiño dos Faros”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.