1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Na última semana o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Camariñas, Sergio Caamaño, mantivo unha reunión cos técnicos da entidade medioambiental sen ánimo de lucro Ecoembes. Nela os datos que se achegaron sobre o municipio foron realmente positivos. O primeiro foi relativo a recollida de envases lixeiros que ascende a 14.10 quilos por habitante no Concello de Camariñas, unha cifra superior a media galega que está en torno aos 12,90 quilos por habitante. A outra é relativa a taxa de impropios, é dicir, a cifra de residuos que se depositan nun colector equivocado. Neste caso a media galega sitúase nos 26,20 quilos por habitante e española nos 26,30 fronte a do municipio camariñán que baixa 5 quilos con respecto a estas cifra até os 21,63 quilos por habitante.

Dende o goberno local aseguran que isto está propiciado grazas a unha maior concienciación da cidadanía fronte a reciclaxe, así como un maior coñecemento a hora de proceder neste exercicio. Para continuar con esta evolución positiva o Concello tratou dous convenios coa entidade medioambiental. O primeiro deles pretende incrementar o número de colectores específicos para envases lixeiros e destinados ao papel-cartón. O segundo céntrase no sector HORECA (Hostalería, Restauración e Catering) que xa conta con 24 establecementos participantes aos que se lle fará entrega de pequenos colectores que situarán no interior das súas instalacións. Ecoembes espera que este número de participantes creza nunha segunda rolda que realizarán proximamente para contactar con aqueles locais que permanecían pechados durante a primeira rolda.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.