5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

No día de onte, mércores 25 de Agosto, o delegado do goberno, José Miñones, realizou a súa primeira visita institucional ao Concello de Camariñas. Nela percorreu as rúas da vila mariñeira acompañado de distintos integrantes do goberno local, entre os cales se atopaba a alcaldesa Sandra Ínsua quen lle trasladou a súa preocupación pola construción do paseo marítimo e as vivendas situadas alí.

A rexedora ensinoulle a zona e explicoulle que, tras encargar a un enxeñeiro industrial e a unha xeóloga que visitaran o lugar para avaliar o seu estado, constataron que os temporais do último inverno aceleraron o proceso de erosión das ribadas que protexen da acción do mar as vivendas da Avenida da Coruña e que agora corren perigo de derrubamento.

O problema non é algo novo xa que en Novembro do ano pasado nunha reunión telemática co subdirector xeral para a Protección da Costa, Ángel Muñoz Cubillo, o Concello xa amosara a súa preocupación polos edificios e pedira que se dera luz verde a redacción de un novo proxecto para executar a 2ª fase do paseo. Ou en Marzo deste ano nunha reunión co Xefe de Demarcación de Costas da Coruña, Rafael Eimil, na que se volveu a transmitir a urxencia de executar o proxecto do paseo marítimo. E é que xa “había un proxecto do ano 2010 para construír un paseo marítimo que agora é inviable porque a Lei de Costas prohibe este tipo de actuacións pero cremos que é necesario redactar un novo que ocupe a zona de servidume, onde os terreos xa están expropiados e á disposición de Costas”, como comentou a alcaldesa Sandra Insua.

Pola súa parte, José Miñones comprometeuse a “organizar no mes de setembro unha xuntanza xo Xefe de Costas para estudar as posibilidades de darlle unha solución definitiva ao paseo marítimo e ao problema das vivendas” e lembrou que “este paseo daralle continuidade á senda, que xa está aprobada a expensas dunha autorización de Patrimonio, e que unirá as praias de Area da Vila e Lingunde”.

 

VisitaDelegado2_mod.jpg

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.