5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

Onte, Venres 29 de Xaneiro, aprobouse por unanimidade no pleno ordinario o Plan Único Adicional 1/2021 da deputación provincial da Coruña. Con el destinaranse un total de 100.00 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello de Camariñas. Este plan vese reforzado dende a Xunta de Galicia neste novo curso con 500.000 horas máis que nos anteriores tentando “proporcionar unha atención profesional a todas as persoas que non eran usuarias do servizo, pero que o poidan precisar” debido a situación epidemiolóxica.

Outra das propostas que se levou a sesión plenaria foi a do Plan Único 2021. O presuposto desta iniciativa é de 307.607 euros que se destinarán ao pago de provedores (268.638 euros) e a reducir a débeda coas entidades bancarias (38.968 euros). Foi aprobada cos votos a favor do PSOE e a abstencións do PP e o BNG.

Do mesmo xeito aprobouse o Plan Único Complementario cos mesmos votos a favor e abstencións. Este proxecto ten un presuposto total de 289.081 euros e destinarase a tres obras dentro do Concello de Camariñas: a mellora e acondicionamento das rúas Rozas e Rucheira de Arou, a reparación do pavimento da rúa Virxe do Monte de Camariñas e a reordenación do espazo público e a creación do parque infantil en Xaviña.

Así, tamén se aprobou cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e BNG un recoñecemento extraxudicial de crédito de 444.444,74 euros para o pago de facturas pendentes a provedores.

Por último, aprobouse por unanimidade a concesión dunha subvención nominativa de 5.000 euros ao Clube Balonmán Camariñas.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.