- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Concello de Camarinas Concello de Camarinas
- Created: 05 Marzo 2012 05 Marzo 2012

A Oficina Municipal de Información ao Consumo do Concello de Camariñas, OMIC, é un servizo que se presta á cidadanía dende a Axencia de Desenvolvemento Local dende hai máis de unha década. Na OMIC infórmase e asesórase aos consumidores e usuarios sobre os seus dereitos e tramítanse as reclamacións de consumo ante o Instituto Galego de Consumo ou ante as propias empresas.
Nestes dous últimos anos, 2010 e 2011, tramitáronse 85 reclamacións, maioritariamente contra empresas de telefonía (38%) e de subministro de electricidade (29%). Nese período incrementáronse significativamente as reclamacións contra as entidades financeiras e crediticias (9% do total).
A parroquia de Camariñas, cun 57% das reclamacións, é a que máis emprega o servizo, seguida de Ponte do Porto cun 17% e de Camelle cun 12%. Son as mulleres as que acuden maioritariamente á reclamar, aínda que a maioría dos servizos están a nome dos homes.
As persoas que reclaman son informadas directamente das resolucións das súas reclamacións, polo que na maioría dos casos a OMIC non ten coñecemento do resultado. Aínda así, sabemos polo menos o 30% das reclamacións foron resoltas favorablemente e que moi poucas son desestimadas.
O procedemento de arbitraxe, que se pon en funcionamento cando non hai acordo previo coa empresas reclamada, é solicitado no 76% dos expedientes tramitados pola OMIC de Camariñas. Só en contadas ocasións chegase a iniciar este procedemento, que non é se non unha vía extraxudicial e voluntaria que permite resolver os desacordos entre persoas consumidoras e as empresas que estean adheridas ao sistema arbitral de consumo.
