5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

Nota de prensa dende a Concellalía de Servizos Sociais na que se nos explica a actividade que terá lugar este 25 de novembro de 2009 con motivo do día internacional contra a violencia de xénero.

 Nota de Prensa da Concelleira Mª Carmen Linares

Co motivo do Día Internacional en contra da Violencia de Xénero, que se celebra o vindeiro 25 de novembro a Área de Igualdade do Concello de Camariñas, xunto co Consello Sectorial Da Muller, pretende visibilizar e captar a atención da cidadanía en relación a este tema por medio dunha intervención visual a modo de representación estática de algo tan cotiá como son os pasos de peóns que habitan nas vilas e cidades e pola que cruzamos o outro lado, salvándonos do perigos dos coches, como un rito.

Neste caso a intervención consiste nun paso de peóns que mostra os corpos das mulleres mortas, cunha sinal de tráfico.A intervención estará exposta na praza do concello dende o día 25 ao 28 de novembro ámbolos dous incluídos para que toda a cidadanía poida visualizala. O autor da obra é o veciño do noso concello Bernardino Martinez Castiñeira que  denominouna “O FERMENTO DO SILENCIO”  e quen mellor que el para sintetizar o significado da súa creación:

“O fermento, esa anaco de masa que rulaba de fogar en fogar que facía que tódalas broas do lugar tiveron un nexo común, ademais das mans das mulleres que mesturaban a fariña de millo coa auga. Esa levadura tradicional que ninguén sabía quen a fixera, fermentaba os pans. Na violencia de xénero persiste esa levadura do pasado, onde o verdugo segue sendo a mesma man pero con caras de homes diferentes, ese pasado inmóbil, que atopa verdugos que executan a súa permanencia.

Pero non so é unha cuestión de verdugos e vítimas, cando o resto da sociedade na maioría das veces son testemuñas dun proceso que todos coñecemos o seu fin, somos cómplices por mirar para outro lado, por calar, polo silencio.

PUNTO DE PARTIDA

Esas mulleres asasinadas que  algunha vez nos medios de comunicación aparecen tapadas, para ocultar o seu rostro.  Os signos icónicos inventados polo ser humano para establecer unha comunicación. Sendo unha linguaxe propia como as sinais de tráfico, neste caso un paso de peóns, que todos inconscientemente coñecemos.

SIGNIFICADO

Nesta instalación o obxectivo é mostrar unha realidade onde as vítimas non son persoas alleas ou esporádicas dos medios de comunicación senón que persisten e fanse visibles nos lugares que cruzamos para salvaguarnos, que emerxen (fermentan), anónimas, sen nome, tapadas, e que o noso silencio non sexa cómplice da súa traxedia.Esta instalación e unha  lembranza as 46 mulleres asasinadas vítimas da violencia machista en España do que vai do ano de 2009. “

Penso que despois de ler isto pouco máis hai que engadir. Dende a Área de Igualdade esperamos que o posicionamento en contra da violencia de xénero non sexa cousa dun só día e aí vai o noso especial recordatorio a todas as mulleres que sufriron e sofren a diario esta terrible crueldade.

Quero agradecerlles o apoio e a colaboración que sempre mostrades con todas as iniciativas levadas a cabo dende a Área de Igualdade, é unha axuda e un alento indispensable para seguir co traballo comezado na igualdade de xénero.

Un saúdo
Mª del Carmen Linares Chica
Concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Saúde


Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.