1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Nos pasados días 3 e 4 de Xullo disputouse o I Torneo Concello de Camariñas sub2200 de xadrez. Válido para o Elo FIDE e FEDA o torneo tivo 6 roldas e repartiu 1.000 euros en premios ademais dos trofeos para os gañadores. Deste xeito, o evento foi o cume do campamento de xadrez que tivo lugar en Camariñas dende o 28 de Xuño até o domingo 4 de Xullo con un total de 17 participantes.

En canto ao torneo tivo 49 participantes que proviñan de lugares moi dispersos como Ponferrada, Ourense, Vigo, Pontevedra, Ames, Santiago, Pobra do Caramiñal, Cambre, Coruña, Arteixo, Carballo, Muxía e mesmo da propia localidade de Camariñas. De entre eles destacaban como favoritos dende un inicio Alberto Eyo e o Mestre Fide Dan Cruz.

Así, o torneo mantivo a emoción até a sexta e última rolda, coas 4 primeiras mesas a loitar pola vitoria e mesmo tres delas case a decidirse por tempo. Iniciouse esta última rolda con Fran Pedreira como líder con tan so medio punto de vantaxe sobre os 7 xogadores que o seguían. Na última partida tocáballe enfrontarse a Eyo e esta estivo moi disputada. Pedreira pareceu que podía gañar en máis de un momento, ou polo menos sacar as táboas, porén, ao final, o xogador do Karpov de Pontevedra, Alberto Eyo, impúxose nela e finalmente tamén no torneo cun primeiro posto ao mellor por desempate.

Completaron a clasificación o Mestre Fide Dan Cruz do Fontecarmoa de Vilagarcía que quedou 2º tras vencer, non sen apuros, a Jose Sar. No 3º posto quedou Heriberto Rubial do Alzheimer Bierzo tras vencer a Jose Otero os 3 con 5 puntos, o 4º foi para Fran Pedreira de Sigrás, 5º Nicolas Jato do Alzheimer Bierzo, 6º Antón Quintás da USC tras unhas táboas fronte a Jato o que lle privou de ser 3º, 7º Victor Carro do Alexandre Bóveda e 8º David Cernadas do  Marquiño.

Ao acto de clausura acudiron o concelleiro de deportes, Fabián Canosa, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, encargados de repartir os premios ao mesmo tempo que mostraron o apoio do Concello a este primeiro torneo e ao campamento de xadrez. A próxima cita da vila camariñá con este deporte terá lugar en outubro, dentro das actividades da Mostra do Encaixe de Camariñas, e será un torneo Blitz do circuíto intercomarcal. A clasificación final deste primeiro torneo pódese atopar en info64 e o álbum de fotos na páxina de facebook do Concello.

Dende o club xadrez Arteixo e O Toque Xiria Carballo queren dar as grazas ao  concello de Camariñas polo seu patrocinio, ao club Náutico de Camariñas, ao Hotel O Parranda e Supermercados Claudio pola súa colaboración no campamento e no torneo.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.