- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Deportes Deportes
- Created: 11 Abril 2013 11 Abril 2013

Chegados a unha situación límite, ás portas dunha loita mortal pola permanencia, o FC Camariñas decidío recurrir a un arma secreta. Xusto ao día seguinte do histórico encontro de Champions League no que o mesmísimo Real Madrid presentaba un once inicial cun único xogador español, o FC Camariñas inaugurou a senda das fichaxes extracomunitarias: se o máis glorioso dos clubs de fútbol nun encontro da máxima competición internacional recurre a unha constelación multicultural de cracks futbolísticos, ¿por que non vai facer o mesmo un humilde conxunto dun apartado rincón atlántico? E as estrelas extracomunitarias nas que os oxeadores e dirección técnica do Camariñas pousaron os seus ollos resultaron ser dúas xoves promesas senegalesas, dignos representantes futbolísticos da nación que nun encontro inaugural do Mundial de 2002 derrotaba a toda unha Campeona do Mundo: a Francia de Zidane, Barthez ou Blanc entre outros.
E para coñecer algo máis das dúas primeiras fichaxes africanas da historia do FC Camariñas decidimos recurrir aos servicios de Ibrahima, traductor oficial ao senegalés de Camarinas.eu. Ex-árbitro de encontros entre poboacións limítrofes no seu país natal (o que viría aquí a ser algo parecido á Rexional) Ibra acompaña ata a redacción do xigante xornalístico da Costa da Morte a estas dúas xoves fichaxes chamadas a deparar días de gloria balompédicos ao conxunto do Hermanas Patiño.
O primeiro dos dous chámase Ousmané Ndong e ten 22 anos. Leva 2 meses vivindo na Vila das Palilleiras e xogou dende pequeno no equipo senegalés da poboación de Joal "Maman Nguedjie". Este rapaz xa está fichado polo FC Camariñas e espera en breve incorporarse á disciplina do conxunto camariñán. A segunda das fichaxes, un xoven rapaz de rastas de 16 anos chamado Souleymane Diame leva un par de semanas en Camariñas e xa comezou a adestrar algunha vez co equipo local para ver como carbura. Aínda que de momento non ten ficha espera que se lle faga en breve e quen sabe, si Fernando Redondo debutou co Argentinos Juniors na Primeira División arxentina con 16 anos ou Raúl González o fixo con 17 no agora sobreextranxeirizado Real Madrid, ¿por que non Souleymane pode botar unha man para salvar do descenso ao FC Camariñas nas xornadas que restan?. A este respecto Ibra indícanos que xa xogou nun equipo de Senegal chamado o Dakar Sacrekeur.
Polo demáis indícanos que estes rapaces son moi bos e levan xa anos centrando a súa vida no fútbol en Senegal e agora queren comezar a súa andadura balompédica en España na cal os apadriña o noso querido amigo Ibra. Chegado a un momento da maior esixencia competitiva, a aquel no que se xoga todo un apocalíptico descenso dende a Primeira Rexional, o FC Camariñas decidío recurrir ao mercado internacional. Quen sabe si apadriñando os primeiros pasos futbolísticos de dúas xoves promesas africanas.

Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.