- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Deportes Deportes
- Created: 06 Marzo 2013 06 Marzo 2013

Xornada mala en liñas xerais para os conxuntos do noso Concello, onde salvo o Porteño en categoría senior, non houbo ningunha victoria dos nosos. Así o Camariñas acadaba un empate no Hermanas Patiño ante o Fisterra e fía gran parte da súa sorte no campeonato ao vindeiro encontro contra un rival directo na loita pola permanencia como o Amio. Peor lle foron as cousas ao Camelle en Carballo onde con polémica arbitral incluida caía ante o Independente. E para completar este cuadro tenebroso o Club Balonmán Camariñas caía en casa pola mínima ante o S.A.R. Redondela. Non comenzou demasiado ben o mes de marzo deportivo no Concello de Camariñas.
TERCEIRA DIVISIÓN
VILALBÉS 1-1 ORDES
Empate e un puntiño máis o que acadamos en Vilalba no tempo de desconto ante un conxunto, o Vilalbés que nos desquiciou a base de patadas. Ao remate do partido, máis parecía un vestiario que viña da guerra que de xogar un partido de fútbol, pois Juan acabou con fractura de tabique nasal, Capelo con un esguince de "cabalo" no seu nocello dereito, eu cunha lesión no ligamento lateral interno da rodilla......e todo debido as entradas dun equipo que roza a violencia e que logo se queixa que lle expulsan a xogadores.
Certo é que non fixemos un bo partido, o rival estaba pechado atrás para buscar as contras mentres que nós non éramos capaces de crear ocasións, eso, unido a que no minuto 5 de partido o ábitro sinalou como penalti un forcexeo entre un compañeiro noso e un rival (puido ser penalti, pero si se pitan ese tipo de penas máximas, hai que pitar 10 en cada partido) que significaba o 1-0 no electrónico, fixo que se nos compricase moito o encontro e só nos minutos finais fomos quen de empatar o partido. Nacho, o noso goleador, foi o autor do gol do empate.
Ao final, un punto que nos custou moi caro, pois o parte de lesionados é importante, eso unido a que a plantilla é moi curta, fai que o vindeiro encontro no que recibimos ao Negreira, vaia ser moi complicado sacalo adiante, si ben é certo que de acadar a victoria podemos dar un paso de xigante para tratar de meternos nos postos de arriba, xa que hai encontros entre rivais directos que se enfrontan entre si.
PRIMEIRA REXIONAL
CAMARIÑAS 2-2 FISTERRA
Empate do conxunto de Berto que suma un punto maís para loitar por sair dos postos de perigo. Derbi xogado con moita intensidade no que ámbolos conxuntos se xogaban moito, e que finalmente rematou en táboas. Adiantouse o conxunto Fisterrán que marcou a balón parado o cero a un, pero a ledicia do gol do Fisterra, convertíase en tristeza e preocupación cando nunha xogada fortuita o porteiro Fisterrán tivo que abandoar o terreo de xogo e un xogador de campo ocupou a porteria, xa que os visitantes non tiñan meta suplente.
Esa situación aproveitouna o Camariñas para marcar dous goles, un de Brais Triñanes a saída dun córner e o segundo de de la Sierra que disparou dende moi lonxe e maraba cando o meta visitante pensaba que o balón iba fora. Todo estaba de cara, pero o Fisterra veuse arriba e novamente a saída dun córner conseguía empatar o partido e nos minutos finais tivo ocasións claras para gañar pero afortunadamente para o Camariñas, non conseguiron acertar a marcar. Ten un partido trascendental o Camariñas o próximo fin de semana ante o Amio, conxunto que está dous puntos por enriba dos nosos e unha victoria sería crucial para sair dos últimos postos e adiantar a un rival directo.
TERCEIRA REXIONAL
XAVIÑA 3-5 PORTEÑO
Derbi por todo o alto entre o Xaviña de Pirucho e o Porteño de Gerpe que se decantou polo lado dos da Ponte do Porto. Saiu o Porteño a por todas e dominou a un Xaviña que cando se quixo enterar do partido xa tiña tres goles no lombo. Yuyo por duas veces e Iago, adiantaban ao cadro visitante que parecía que deixaba o partido sentenciado. Antes do descanso, Dani acadaba o 1-3.
Na reanudación, David Toja anotaba o cuarto para os da Ponte do Porto, pero o Xaviña veuse arriba e cos goles de Lalá e Borja parecía que a remontada podería ser `posible, pero finalmente Asier, marcaba o quinto para os de Gerpe e deixar sentenciado o partido e sumar tres puntos que acercan ao Porteño a tan só tres puntos dos líderes Camelle e Independiente de Carballo. Chega o tramo final da tempada no que o Porteño xa pasou o seu bache e vai a por todas, mentras que o Xaviña ten que conseguir unha victoria para romper unha mala racha de resultados que leva arrastrando últimamente. A vindeira xornada o Xaviña xoga en Vimianzo ante o Soneira B e o Porteño recibe ao perigoso Cerqueda.
INDEPENDIENTE DE CARBALLO 3-0 CAMELLE
Derrota do Camelle de Pupus en Carballo ante o Independiente nun partido onde os Camelláns non estiveron ben e non foron o equipo que acostuman a ser. Era un partido no que o Camelle podía deixar a un rival directo polo ascenso tocado, pero finalmente non puido ser así, e agora están empatados no primeiro posto da clasificación. Están en Camelle indignados pola actuación dos afecionados locais, xa que durante todo o partido, a afición local, situouse detrás da portería defendida por Porrua insultando e encendendo bengalas que afumaron constantemente ao porteiro Camellán. Non queren excusas en Camelle pola derrota, pero si que dende aquí digo que a federación debería tomar cartas no asunto das bengalas, xa que están prohibidas nos recintos deportivos e máis cando se usan para molestar ao porteiro rival. Dito esto, o Camelle ten que olvidar esta derrota e centrarse na próxima xornada na que recibe ao Lira ao que ten que gañar para seguir arriba na táboa clasificatoria.
COPA DA COSTA XUVENIL
MUXÍA 3-3 CAMARIÑAS OS LEÓNS
Empate do Camariñas de Andrés que deixou escapar unha victoria que tiña prácticamente amarrada xa que iba gañando por cero goles a tres e finalmente o cadro Muxián, logrou remontar e empatar o partido. Non estivo o Camariñas moi fino en canto a xogo, entre outras cousas porque o campo era unha auténtica leira de patacas, pero mereceu máis que o rival. Sergi con dous goles e Javi con un, foron os autores dos goles do Camariñas que incluso marrou unha pena máxima. A vindeira xornada o Camariñas xoga en Outes.
LIGA CADETE
PORTEÑO 5-6 CABANA
Derrota do Porteño de Ordóñez nun partido tolo no que houbo 11 goles!!!. Foi un partido de ataque total, onde as dianteiras impuxéronse as defensas e donde os da Ponte do Porto tiveron ocasións para acadar un mellor resultado ante un rival que é dos galiños da competición. Unha pena que o esforzo dos rapaces do Porteño non obtiveran recompensa xa que a merecían. A próxima xornada o Porteño xoga en Ponteceso.
LIGA INFANTIL
MUXÍA 2-8 AS BALEAS
Gran victoria dos rapaces de Vi en Muxía onde acadaron unha clara victoria arrasando ao conxunto Muxián ao que lle endosaron nin máis nin menos que oito goles. Non estaba o terreo de xogo en condicións para a práctica do fútbol, pero os de Vi posuen unha calidade esquisita e adaptáronse perfectamente ao mal estado do terreo de xogo facendo xogadas de moito mérito onde moitas delas remataron en gol. A vindeira xornada As Baleas recibe ao Corme.
LIGA DE VETERÁNS
PRIMEIRA DIVISIÓN
CAMARIÑAS 1-1 ZAS
Empate do Camariñas ante o Zas nun partido onde o Camariñas mereceu algo máis que ese empate. Non quere dar o brazo a torcer e cando moitos dábamos por descendido ao Camariñas dende fai moitas xornadas, estes xogadores están dando todo para evitalo e están a tan só tres puntos do Nantón. Querer é poder, e así o vai demostrando o Camariñas cada xornada que pasa. Ogallá sigan sumando e poidan finalmente lograr esa ansiada salvación. A próxima xornada o Camariñas xoga como cisitante ante o San Román.
SEGUNDA DIVISIÓN
MALPICA 1-0 PORTEÑO
Derrota pola mínima do Porteño en Malpica nun partido onde os da Ponte do Porto lle prantaron cara ao Malpica e no que de estar un pouco máis atinados de cara a porta contraria, o resultado houbera sido distinto. O Porteño ten que ir a por todas nestes últimos partidos que quedan para tratar de quedar no mellor posto posible da táboa clasificatoria. A vindeira xornada o Porteño descansará.
CAMELLE
Descansou o Camelle que a próxima xornada recibe ao Poniente.
BALONMÁN
FASE DE ASCENSO Á PRIMEIRA NACIONAL.
BALONMÁN CAMARIÑAS 24-25 S.A.R. REDONDELA
Derrota dos pupilos de Fran Puga nun partido que tiñan controlado e no que finalmente acabaron sucumbindo ante os de Redondela por un gol. Comezaron ben os Camariñáns, dominando o xogo e o marcador, facendo bos balances ataque -defensa onde superaban a un rival que via como os Camariñáns eran mellores. Cambiaria a tónica do partido na segunda metade, os visitantes aproveitaron os contínuos trocos no conxunto local para acercarse no marcador e o que é peor, para gañar finalmente o partido por un solitario gol. Derrota que afasta aos Conserveiros dese soño por loitar novamente por ese ascenso xa que o líder escápaselle a 3 victorias. A vindeira xornada o Balonmán Camariñas visitará ao colista, o Viña Costeira.
PRIMEIRA AUTONÓMICA FEMENINA
BALONMÁN CAMARIÑAS 26-30 BUEU AT.
Derrota das mulleres de Moncho que desta vez caeron diante das de Bueu por 4 goles de diferencia. Foi un partido onde as Camariñanas estiveron ben en determinadas fases do choque, pero no que erraron nos momentos cruciais do mesmo no que as visitantes estiveron máis atinadas en ataque e donde conseguiron marcharse no marcador para non pasar apuros no treito final do partido. Non están colleitando bós resultados as de Moncho, pero con traballo e gañas, seguro que esta mala dinámica de resultados pola que están a pasar, cambiará. A próxima xornada as Camariñas xogarán en Redondela ante o S.A.R.
LIGA XUVENIL MASCULINA
BALONMÁN CAMARIÑAS 12-34 CHAPELA
Derrota clara e contundente dos xuvenís Camariñáns que perderon por goleada ante un rival que foi moi superior de principio a fin. Deste tipo de encontros os rapaces Camariñáns teñen que aprender, xa que o rival e moi superior e pouco se pode facer. Rematou a liga onde os nosos xuvenís foron de menos a máis e hai que felicitalos polo traballo dispensado e a ilusión coa que afrontaron cada partido pese a perder moitos deles.
Esto foi todo canto dou a xornada, como sempre CAMARINAS.EU contoulles todo canto sucedeu cós nosos conxuntos. Un saúdo a tódolos usuari@s de CAMARINAS.EU, a web que vive o deporte!!!.

Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.