5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

As palilleiras afrontan un duro partido fronte ao Balonmán Narón

Este sábado terá lugar o derbi provincial na Primeira Autonómica Feminina de Balonmán, os dous únicos equipos da Provincia da Coruña enfrontaranse ás 17:15 horas no pavillón polideportivo de Santa Icía en Narón, o encargado de dirixir o encontro será o colexiado Alberto Picallo. O Encaixe chega ao encontro cun punto máis que o Balonmán Narón, ous dous conxuntos veñen de non sumar na pasada xornada, polo que se augura un encontro cheo de emoción e igualdade ata os derradeiro minutos.

O encontro será especial para as xogadoras camariñanas Minchu e Cris Barreiro, que xogarán contra o que foi o seu equipo hai uns anos. O Narón posúe un bloque que mestura veteranía e xuventude, con xogadoras que levan varios anos na categoría e con rapazas procedentes das categorías de base; as súas xogadoras máis determinantes son as dúas laterais, polo que a defensa do Encaixe deberá amosarse especialmente forte sobre esas posicións. As da zona de Ferrol caracterízanse por amosarse especialmente fortes cando xogan en casa, polo tanto o factor cancha podería decantar o resultado a favor do bando local; aínda que pola contra, as camariñanas parten con ansias de victoria e convencidas de traer algo positivo da súa visita a Narón.

Por parte das camariñanas, causará baixa Juana por motivos laborais e Jessi, Minchu e Cris Barreiro son dúbida; a primeira por atoparse aínda en proceso de recuperación do seu esguince de nocello e as outras dúas por arrastrar molestias no cóbado e no ombreiro ao longo da semana.

Para o adestrador camariñán as claves do partido estarán na defensa e na eficacia no lanzamento: “se somos quenes de parar os ataques directos das súas laterais e replegamos ben sobre o lado dereito teremos opcións de gañar, debemos aproveitar as transicións e non errar lanzamentos claros “, ademáis Bruno López amosouse especialmente molesto coa designación arbitral : “ non vexo mal o árbitro designado, vexo mal que sexa o terceiro partido consecutivo no que nos designen un só colexiado, e máis cando no resto dos partidos da categoría hai sempre unha parella e incluso mesa oficial, non me parece normal e nun encontro destas características os pequenos detalles que se lle poden escapar a un só árbitro, poden determinar o devenir do mesmo, non o entendo”.

Na convocatoria figuran:

Sara e Sandra- porteiras-, Karina, Laura, Cris S., Cris B., Sara G., Jessi, Minchu –primeiras liñas-, Nerea, Verónica, Aida e Ali –segundas liñas-.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.