1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Cando abrimos a billa da auga que recibimos nas nosas casas poucas veces nos decatamos de toda a infraestrutura e investimento que hai detrás. Afortunadamente o concello de Camariñas conta cun servicio de auga potable municipal deseñado para achegar o líquido elemento ate o último recuncho do seu territorio, aínda en anos de sequía acentuada coma este.

A auga que xurde das nosas billas nace no Pico de Meda, en Zas. Alí e onde comeza a andar o rio Grande, ou río Porto, que é o que nos aporta parte do seu caudal xenerosamente. Nás súas beiras, ao marxe dereito e próximo ao Penedo, en A Ponte do Porto, o concello construío un pozo dotado cos medios necesarios para bombear a auga do río Grande ata a depuradora e depósito instalados a preto de 2.5 quilómetros no alto do monte Pedras Grandes que abriga, polo norte, ao campo de futbol e o cemiterio da Ponte do Porto.

Dúas bombas sumerxibles, de 50 CV de potencia bombean 25 litros por segundo. Unha terceira bomba, de 75 CV, envía 125 metros cúbicos por hora. Toda esta columna de auga, despois de percorrer, monte arriba, dous quilómetros e medio, chega á depuradora onde é filtrada e clorada para almacenarse no principal depósito con que conta a distribución municipal de auga: unha mole de cemento armado que agocha nás súas entrañas un millón e medio de litros de auga potable. Este gran depósito surte ao segundo en rango, o de Camariñas, que ten unha capacidade de medio millón de litros, así como ao de Camelle (250.000L), e o de Santa Mariña que non chega aos cen mil.

Ao longo do territorio municipal mais de oitenta quilómetros de tuberías transportan auga limpa ate o último recuncho do concello xa que os camariñans consumimos, de promedio, dous mil metros cúbicos diarios de auga. Esta cifra increméntase en case mil metros cúbicos máis entre os meses de xullo e agosto.

O maior consumidor de auga e Cerdeimar, seguíndolle en importancia as empresas que conxelan e envasan polbo e, como dato curioso, sitúase o porto de Camariñas en terceiro lugar como consumidor de auga. A hostalería e o consumo doméstico completan esta lista de consumidores.

Os principais custes de manter toda esta rede de auga é a enerxía eléctrica que lle supoñen  ás arcas municipais en torno a sesenta mil euros anuais en consumo  polo bombeo. E sería moito maior se non fose por un segredo que poucos coñecen: xusto detrás do cemiterio de Camelle, na ladeira do monte, existe unha pequena presa que, durante o inverno, recolle as augas dun regato que nace en Lazo e que permite un aforro estimado de case vinte mil euros anuais.

Así que, queridos lectores, cando abrades a billa da auga nas vosas casas, pensade que esas pinguiñas de vida fixeron un percorrido épico, dende o Pico de Meda e dende Lazo, ata o voso fregadeiro, conformando unha rede inmensa que nos fai máis fácil a vida.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.