1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O Camiño dos Faros, a ruta entre Malpica e Fisterra, ten conseguido que a Costa da Morte sexa agora a zona máis atractiva para o sendeirismo en Galicia. Pero moitos encontramos un gran problema no éxito conseguido polos trasnos: o Camiño dos Faros pode afectar moi seriamente á duna de Monte Branco, a duna rampante máis alta de Europa e un dos lugares máis emblemáticos de Camariñas. Desde que comezou o Camiño dos Faros, centos de trasnos e de sendeiristas das orixes máis variadas pasan sobre a duna levándose parte da súa vexetación e da area depositada pola natureza ao longo dos séculos. 

E o peor pode vir agora: é moi probable que outros 1000 trasnos suban polo Monte Branco o 17 de maio. Nas dúas primeiras etapas desta nova edición do camiño alcanzouse esta cifra e o mesmo pode pasar na quinta etapa, a que vai desde Arou a Camariñas, unha das más atractivas e coñecidas e na que está a orixe mesma do Camiño dos Faros para os trasnos: o faro Vilán, o símbolo de Camariñas. 

Por se fora pouco, a Asociación Camiño dos Faros non ten autorización para pasar por Monte Branco porque ningún organismo pode permitir que centos de persoas camiñen sobre un dos lugares más fráxiles e singulares da Costa da Morte. Non esquezamos que a duna atópase na Rede Natura e que todas as actividades organizadas nese lugar protexido teñen que contar coa autorización pertinente.

Non son o único que pensa que os trasnos deberían buscar unha ruta alternativa. Pódese rodear Monte Branco e desfrutar das vistas sen estragalo.

Os trasnos aínda están a tempo de evitar que outras 1000 persoas máis suban pola duna de Monte Branco o próximo 17 de maio, dia das Letras Galegas.

Por favor trasnos, parade o deterioro do Monte Branco. Trasnos, respetade a duna.¡Trasnos, #SalvemosMonteBranco!

Pablo Casal
43 anos - veciño de Camariñas
Emigrante retornado de Madrid  
Afeccioado ao cine e a lectura

FOTO: Facebook "O Camiño dos Faros"

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.