5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)
Camarinas.eu, a web independente e plural do Concello de Camariñas, aquela onde todas as voces, todas as ideoloxías, teñen cabida publica en rigurosa exclusiva un interesante artigo de Marisol Soneira, Deputada Autonómica polo PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia e Vicepresidenta Segunda do mesmo. Un escrito que aporta un novedoso punto de vista respecto dun dos grandes santuarios espirituais da nosa terra: o milenario Monte Faro, alí onde segundo contan as crónicas na orixe da civilización os que darían en ser os primeiros habitantes de Camariñas celebraban os seus ritos paganos. Unha sorte de reinvindicación daquelas épocas remotas parece promover a iniciativa de Marisol de achegarse o 21 de xuño ata a Ermita da Virxe do Monte para contemplar, no día máis longo do ano, o solpor dende o privilexiado santuario camariñán. Unha iniciativa que non pode deixar de apoiar Camarinas.eu, que promoverá unha quedada a través das redes sociais para poder ver o maior número de xente posible na tarde noite de 21 de xuño contemplando o crepúsculo dende a Virxe do Monte.

A VIRXEN DO MONTE E O CULTO AO SOL
por Marisol Soneira


O culto aos astros é unha costume milenaria de case tódolos pobos e culturas do mundo e moi especialmente dos homes e mulleres que levan habitando a franxa occidental de Europa durante milleiros de anos. As costas galegas, e moi especialmente a Costa da Morte, están cheas de lugares onde durante séculos houbo culto aos deuses antigos e que, coa chegada do cristianismo, convertéronse en advocacións de santos diversos: San Andrés de Teixido, San Adrián, A Barca de Muxía, etc.  Todas teñen elementos comúns: están en puntos da costa, conservan aspectos dos vellos cultos pagáns (as  grandes pedras, as datas vinculadas aos solsticios), etc.

A nosa Virxe do Monte é un deses lugares. Non ten  a sona doutras romarías galegas pero cumpre con tódalas condicións dun lugar de culto antiquísimo onde, xeración tras xeración, os habitantes da Costa da Morte honraron a todo un panteón de deuses precristiáns e logo, coa chegada do cristianismo, a Virxe María baixo a denominación do Monte. Alí, no cume do monte, danse tódalas condicións dun lugar de culto antiquísimo: as pedras con pegadas da propia Virxe (seguramente como cristianización dun culto anterior), asunción da igrexa católica dun lugar de culto pagán, construción dunha primeira capela e posterior construción da actual sobre os restos da primitiva, etc.

Dase, tamén, outra circunstancia que asocia este lugar cos culto vinculado ao solsticio de verán, aínda que, por mor da  actual vinculación á data do luns de pascua, as datas da festividade soben e baixan no calendario pero sempre na primavera.  E non podía ser doutro xeito por canto a Virxe do Monte está situada practicamente na mesma situación xeográfica que Touriñán (lugar máis occidental de Europa) e nunha altura sobre o horizonte que permite unha visión privilexiada do mar e da liña do horizonte. Alí pódese observar perfectamente o lugar onde morre o sol tódolos días, e a forma esférica do noso planeta.

En días tranquilos, co mar en calma e sen que o nordés brúe en exceso, pódese asistir a un fenómeno óptico marabilloso. Na hora da posta do sol, antes de que a nosa estrela se oculte detrás da liña do horizonte, obsérvase unha senda dourada que morre nun semicírculo de lume que, coma unha porta a outra dimensión, invita a transitar sobre el. Se este fenómeno se observa no solsticio de verán (21 de xuño), cando os días son máis longos e as noites máis curtas, da a impresión de que o mar está a mesma altura que o monte e a invitación a camiñar cara o alén polo camiño dourado é aínda moito máis acentuada.

Eu, se o tempo o permite, estarei o 21 de xuño  vendo como o sol morre, no día máis longo do ano, na Costa da Morte. Por asistir a un espectáculo que antes observaron os nosos antepasados e que, os deuses antigos e modernos así o permitan, seguirán vendo os que nos sobrevivan.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.