- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Curiosidades Curiosidades
- Created: 03 Xuño 2013 03 Xuño 2013

O que nun tempo eran viaxes de vagabundeo por poboacións sen maiores perspectivas, co paso dos anos convertíronse en visitas a lugares de maior enxundia e así foi como unha tarde calquera de finais do mes de maio de 2013 un atopa no cumio dun monte perdido da Comarca do Salnés o nome de Camariñas grabado nunha placa. Non lonxe dos multitudinarios furanchos da parroquia de Cobas (Meaño), nin do suculento tinto de Barrantes (Ribadumia), dando inicio aos cursos de auga pola que discurre máis abaixo a coidada ruta dos muiños de Armenteira (Meis), dentro do concello no que vía luz Ramón María del Valle-Inclán (Vilanova), dominando dende as alturas a gran capital desta bendita comarca (Vilagarcía), e rodeado polos seus catro costados por kilométricas cepas dese albariño que dará a volta ao mundo, atópase o Monte Lobeira. As súas reminiscencias non poden ser máis antigas: as crónicas sitúan no seu cumio o emplazamento dun castelo xa no ano 964, fortificación que se mantivo firme ata que as guerras irmandiñas derrubaron entre 1466 e 1469 as súas pedras tal como as trompetas un día aniquilaron os muros de Xericó.
Dúas son as vías para acometer a ascensión a un monte tan antigo: dende a cara sur por un carreteira un tanto destartalada que obrigará a complicadas maniobras en caso de enfrentar un automóvil en sentido contrario ou pola cara norte, dende Vilagarcía de Arousa, seguindo un coidado manto asfáltico polo que discorren os numerosos autobuses que levarán aos turistas ata o alto. Xa na cúspide deste cono natural, a 289 metros de altitude, as vistas que un atopa subiugan os sentidos: cara o oeste a Ría de Arousa, ca súa principal Illa nun primeiro plano; o norte amosa a xa mentada Vilagarcía e alén a cara sur da Serra do Barbanza, o oeste permite albiscar as fértiles e prósperas terras que se adentran cara a Provincia de Pontevedra e finalmente no sur álzase a turística Península de O Grove e máis alá, Atlántico aberto, a Illa de Ons. Entón resulta obvio que o que menos se espera atopar un visitante no mirador que da cumio a un emplazamento semellante é un rastro da lonxana Camariñas. E sen embargo ahí está, acreditando o carácter omnipresente dun pequeno concello illado do fin do mundo do que xurde dende o mellor encaixe do planeta ata raíñas holandesas e que sempre se cobra a súa eterna cuota de protagonismo.
A escasos metros do cumio, nun con de enormes proporcións e baixo unha cruz que da fe da cristiandade destas terras antigas, luce unha placa de bronce cunha lenda que convenientemente traducida viría a decir tal que así: "Na memoria dos 173 oficiais e homes que perderon as súas vidas no afundimento do buque da súa maxestade británica "Serpent", o 10 de novembro de 1890 na Punta del Buey Cameriñas (sic). Esta placa foi erixida polo Almirantazgo Británico". Así, inesperadamente, baixo os ventos ululantes que percorren o principal pico do Salnés atópase outro elemento que unir á memoria maldita do Serpent, xunto ao Cemiterio dos Ingleses, o famoso barómetro ou a escopeta de caza do cura de Xaviña. Despois un enterarase de que foi a escuadra inglesa que visitou a Ría de Arousa en 1896 a que decidío emplazar semellante recordatorio baixo unha cruz que xa honraba con anterioridade aos caídos fatalmente en acto de servicio e que, errores topográficos á marxe, fai que, sin escapatoria posible ao seu eterno destino de protagonista inesperado e principal, Camariñas acabe reinando dende as súas alturas sobre as que probablemente sexan as máis fermosas, máis fértiles e máis prósperas terras de Galicia.
"In memory of one hundred and seventy three officers and men who lost their lives at the wreck of her britannic majesty's ship "Serpent" on the 10th november 1890, at Punta del Buey Cameriñas. This tabler was erected by the British Admiralty"




















Comentarios
E logo tivo que afiliarse, supoño que contra a súa vontade.
E a vida segue igual. As cotas de poder son persoais.O partido mesmo molesta.
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.