1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Onte, martes 6 de Abril, saíu a segunda entrega do “Eu Son Camariñas” o programa municipal do Concello de Camariñas que pretende dar visibilidade aos veciños senlleiros das súas localidades.

Este programa segue un carácter mensual que se pode seguir a través do dominio www.eusoncamarinas.es onde se atopan os vídeos publicados así como unha pequena biografía de cada entrevistado. O propósito que persegue este proxecto é o de ser un escaparate para todos aqueles veciños que destacan no seu campo de estudo e traballo mostrando ao mundo o talento que xorde desta terra costeira.

Neste episodio as protagonistas son tres sanitarias, de tres ámbitos distintos, que estiveron na fronte da pandemia neste último ano. Alicia Ogando, pediatra no CHUAC, María Oanes, coidadora de persoas con diversidade funcional na fundación ADCOR e Laura Rodríguez, enfermeira nunha das UCI COVID do CHUAC, preséntanos como foi a realidade da pandemia dende dentro ao narrar a súa experiencia nestes meses tan convulsos e complexos. Tamén nos falan da súa etapa como xogadoras do club de balonmán Encaixe Camariñas onde xogaron xuntas e compartiron vestiario.

9F6A2282-1-copia.jpg

 

Alicia Ogando (no centro da fotografía) estudou o grao en medicina na USC e continuou formándose para ser pediatra. A día de hoxe está a cursar o MIR que a levou a traballar no CHUAC tratando a nenos, e nos últimos meses, debido a situación de pandemia, tratando a enfermos da COVID. A súa visión móstranos como son esa toma de decisións coa responsabilidade de ter a vida dos pacientes nas túas mans e a presión que isto supón no día a día.

María Oanes (a esquerda na fotografía) estudou técnico en atención a persoas en situación de dependencia no CIFP Anxel Casal na Coruña e leva anos a traballar con persoas con capacidades especias. A súa experiencia narra como foron eses momentos de encerro no que os pacientes non podían ver aos seus familiares nin case saír do complexo no que viven, mostrando un exemplo de resiliencia para todos nos.

Laura Rodríguez (a dereita na fotografía) estudou o grao en enfermería na USC e exerce a profesión dende hai anos no complexo hospitalario da Coruña e, durante esta pandemia, estivo nunha das UCIs especiais designadas para a COVID. A súa experiencia narra o trato directo cos pacientes, a evolución do día a día e a superación dos numerosos momentos críticos que tivo que vivir nestes meses tan complexos.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.