1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Magnífica estampa do veleiro La Recouvrance ca costa de Xaviña de fondoPoucas veces unha estampa marítima tan magnífica se poderá apreciar dentro da Ría de Camariñas, unha que nos transporta ás épocas dos corsarios e piratas, ás dos galeóns de Indias repletos de riquezas americanas, aquelas en que magníficos e coraxudos navegantes españoles daban caza e morte aos filibusteros británicos Francis Drake e John Hawkins nas augas de Panamá e Puerto Rico, cando un imberbe Herman Melville se embarcaba en balleneiros de Nantucket ou na fragata de guerra United States, percorría medio mundo e desertaba en illas paradisíacas infestadas de caníbales. Unha estampa dunha plasticidade difícilmente igualable gracias á visita do veleiro La Recouvrance, o cal podíamos contemplar fondeado nas augas xurisdiccionais de Xaviña este martes 4 de setembro de 2012.

Procedente da rexión francesa ca que en principio tanto teñen en común as terras galegas, Bretaña, este veleiro galo de 42 metros de eslora e propiedade da cidade de Brest conta ca súa propia páxina web onde aparece un amplio cadro de tarifas, individuais ou por grupos, cas que poder alquilar o buque. Así, unha vez realizada a transacción, non pode haber mellor medio de locomoción para perderse nalgúns dos paraísos narrados anteriormente, nas augas prístinas do Caribe, sen necesidade de saír de portos franceses: os da Guayana cos seus restos terribles do Penal de Cayena, alí onde penou inxusta condena Henri Charriere, máis coñecido como Papillón, ou nos da Illa da Martinica, orixe de futbolistas ligados á cor branca como Anelka ou Varane, para contemplar sobrecollidos o Monte Peleé, o volcán que nunha noite de 1902 aniquilou ao completo en só seis minutos toda unha cidade de 30.000 almas, tamén perderse polos das diminutas Guadalupe ou María Galante e degustar en todas estas terras de ultramar os seus rons agrícolas (La Mauny, Clement, Damoiseau, Pere Labat, Liberation, Reimonenq, Bielle), sen dúbidas os máis selectos e exquisitos do mundo, fortes e secos, destilados a partir da caña de azúcar non da melaza, propiedade exclusiva das illas galas do Caribe e do Índico.

Sempre sobrecollerá a alma naviera de Camarinas.eu a beleza derivada das liñas estilizadas, suaves, proporcionadas dun buque veleiro. Unha relación ca gloriosa tradición naval que comenzaba de maneira un tanto atrevida un día de outono de 2001, curiosamente xusto despois dun domingo de eleccións autonómicas que serían as derradeiras gañadas por Manuel Fraga. Derrengados na sucia tarde polos allados sofás dun piso de alquiler da noble e mui leal cidade da Coruña, a irrupción sorpresiva dun xoven visitante, estudiante daquela da Facultade de Náutica, alertaba sobre a estadía en porto dun buque escola da armada rusa. Foi entón cando baixo o signo da inconsciencia e da temeridade máis extremas os que estaban chamados a ser os dous principais redactores da constelación xornalística que un día lideraría a Costa da Morte baixaban escoltados por dous soldados de miradas xélidas e impasibles ata as entrañas mesmas do "Sedov", o maior veleiro do mundo. Despois, combinación da penosa situación socioeconómica que naquel entón pasaba a Federación Rusa e das terribles lendas que corrían sobre os seus habitantes, un dos protagonistas desta sorpresiva incursión naviera recoñecería que mentras baixaba pola escaleira de man non puido evitar alarmarse ante a súa propia osadía ao constatar que nada impedía a aqueles dous curtidos mariños roubarlles, matalos e despois, xa fóra de porto, tirar os seus restos polo mar abaixo. Todo esta odisea para, amparados pola lobreguez das bodegas do buque, a escondidas dos oficiais de superior rango, levar a cabo unha transacción comercial que fixera posible a adquisición da célebre "Alma Marinera" (Mórskaya Dusha), a camiseta de raias horizontais azuis que dende hai máis de cento cincuenta anos, xa sexa baixo o imperio zarista, o soviético ou a actual república mafiosa e dictatorial, ven vestindo omnipresentemente ao soldado ruso. Poucas veces unha prenda de roupa terá semellante historia.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.