1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Momento do irmamento oficial entre Camariñas e NovedratteO Concello de Camariñas asinou esta mañá o irmanamento co seu homólogo italiano de Novedratte, nun acto celebrado no recinto feiral da XXII Mostra do Encaixe. Na sinatura estivo presente o alcalde camariñán, Manuel Valeriano Alonso, a concelleira delegada da Mostra, Sandra Insua, o vice alcalde de Novedratte, Serafino Grassi e o tenente de alcalde de Peniche (Portugal), Jorge Amador, todos eles acompañados de numerosos visitantes. Con esta sinatura oficializouse un acordo de fraternidade que xa se apalabrara na anterior edición da Mostra e que se aprobara en pleno o recente 30 de marzo. A presenza de Peniche neste compromiso reforza a validez do irmanamento, xa que foi en xullo de 2011 cando o concello portugués asinou un acordo similar con Camariñas.

O alcalde anfitrión, Manuel Valeriano Alonso, agradeceu a presenza dos representantes dos dous concellos irmanados (italiano e portugués) e motivounos a seguir traballando en conxunto, en clave europea para “ser capaces de promocionar, innovar e chegar a acordos definitivos para a industria do Encaixe.” O edil de Novedratte, Serafino Grassi destacou a labor das palilleiras que “deron orgullo a súa comunidade e apoio ás relaciones de amizade para impulsar o intercambio de cultura e tradición do encaixe.” Segundo o italiano o encaixe resiste á globalización e é una alternativa firme e forte contra a situación de crise que se vive na actualidade. O tenente de alcalde de Peniche, Jorge Amador tamén se referiu en clave europea, asegurando que a unión entre os concellos con tradición encaixeira facilitará o desenvolvemento do sector. Tamén fixo fincapé na importancia de participar en mostras internacionais, xa que “permítenos aprender uns de outros e mellorar o sistema de organización e comercialización”. Tal como leu o alcalde de Camariñas na acta de irmanamento, os obxectivos de estes acordos son fortalecer os vínculos entre as diferentes municipalidades irmandadas, promover a arte de facer Encaixe e manter a comprensión mutua de solidariedade universal.  

DESFILE INTERNACIONAL


Durante a xornada de hoxe tamén houbo un desfile internacional, previo ao acto de irmandamento. Este ano a Mostra conta con delegacións procedentes de Rusia, Polonia, Bulgaria, Inglaterra, Francia, Italia, Suiza, Portugal e Bélxica, polo que se fixo unha demostración da aplicación do distinto encaixe na Mostra de maior referencia a nivel mundial. Na pasarela púidose apreciar o traballo das palilleiras italianas (Offida e Novedratte) que amosaron o ‘labor’  meticuloso idóneo para lucir en eventos importantes. As encaixeiras de Peniche (Portugal) ofreceron pezas únicas aplicadas en deseños estivais, onde o protagonista é sen dúbida o encaixe. As delegacións rusas apostaron polas aplicacións en traxes de cerimonia, onde destacan os encaixes vistosos sobre tecidos sobrios como o raso. En deseños máis tradicionais púidose ver o encaixe polaco, que fai unha aposta firme pola tradición e a sobriedade.

DEMOSTRACIÓNS EN VIVO, ACTUACIÓNS, EXPOSICIÓNS


Durante o día de hoxe e ata o domingo 8, os visitantes poderán desfrutar de desfiles de noveis e grandes deseñadores, exposicións e demostracións en vivo das palilleiras infantís das escolas municipais, así como das encaixeiras máis consagradas. A delegada da Mostra, Sandra Insua, destaca o carácter renovador de esta edición, así como “os novos espazos que permiten compartir en familia, como a zona de ocio e de degustación gastronómica.” Os que se acheguen ata Camariñas, poderán visitar a Mostra do Encaixe  nún horario sen interrupción dende as 11 da  mañá ata as 9 do serán.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.