1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Jose Manuel voltou pulverizar rexistros en Arteixo Alá nas planicies desoladas de Etiopía, entre templos excavados na roca de Lallibela durante o reinado do Emperador Gebra Maskal, ao carón de escuálidos eremitas que purgan en soidade tódolos pecados deste mundo, Abebe Bekila sentiríase orgulloso das andanzas atléticas dun corredor camariñán. Porque nesas horas nas que Camariñas durme, nas que nin unha soa alma asoma os fuciños pola rúa, dende hai uns anos a esta parte unha sombra percorre frenética os camiños. Por diante quedará unha dura xornada laboral de máis de 12 horas, ata a madrugada, ao pe do cañón dun local convertido por dereito propio no museo emblemático do madridismo na Costa da Morte. Todo elo para, chegado o fin de semana, estar presente en duras concurrencias competitivas ás que centos de amantes do atletismo acuden ao longo da ondulante xeografía galega.

Competicións ás que acude este atleta camariñán que faría sentirse orgulloso a Abebe Bikila ou a Emil Zatopek e vence. Como vencía o sábado 24 de setembro na IX Carreira Popular de Corcubión ou, en xornada consecutiva, o domingo 25 de setembro na XIII Carreira Popular de Arteixo, nesta última cun tempo de 46:04 e acadando un posto global de 28 entre máis de 570 participantes. Tal vez en Arteixo, Jose Manuel Rodríguez Tajes, voltaba a gañar impelido pola enerxía extra suministrada polos seis goles infrinxidos polo equipo da súa alma ao Rayo Vallecano na tarde anterior, ou máis ben pola constitución física, a bravura, as gañas, dunha persoa acostumada a superar as máis duras adversidades. A lenda deste atleta rebasa fronteiras e despois de camarinas.eu, La Voz de Galicia en breve adicará unha reportaxe a este auténtico exemplo de superación e amor ao deporte. Jose Manuel queima etapas e acada cada vez metas máis lonxanas. Tal vez a próxima, o seu soño inconfesable:  unha carreira popular no pobo da súa alma na que se rendira a debida homenaxe ao que, posiblemente, sexa o mellor atleta, o máis bravo maratoniano, camariñán de toda a historia.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.