- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Curiosidades Curiosidades
- Created: 15 Abril 2011 15 Abril 2011
Na lexanía do camiñante solitario ergueuse cara o ceo de Reira, semellante a un espexismo no deserto, unha nube de po. Un tractor antediluviano, rememdando na súa xigantez mastodóntica un dinosaurio da edade de ferro, avanza paseniñamente e arranxa por enésima vez a pista de terra que une a Carretera do Faro cos dominios remotos de Arou e Camelle. Añadindo pequenos anacos de novo firme, esparcíndoos ca paciencia dun orfebre na pesada tarde primaveral. Unha labor malbaratada unha e outra vez polo soplo devastador dun vento nordeste desatado. E como un tuareg do Sahara, o camiñante solitario cálase unha gorra que por momentos semella un turbante ata as cellas, axusta as gafas de sol e pecha a boca para saír indemne da acometida da nube de po desatada que envolve eterna ao dinosaurio mastodóntico ao longo de toda a lonxitude da Pista de Reira.
A tan só unha semana do inicio da XXI Mostra do Encaixe, o Concello de Camariñas acometeu, ante o desentendemento doutras administracións de maior calado, o arranxo da Pista de Reira. O motivo non é outro que contar cun firme adecuado, digno, que permita acometer nas mellores condicións posibles un dos paquetes turísticos ofertados polo Concello dentro dos prezos públicos da Mostra: as así chamadas "Visitas Guiadas pola Costa", nas que un autobús turístico percorrerá os puntos clave da xeografía natural camariñana. Desta maneira, o Faro Vilán, as Praias de Reira, o Cemiterio dos Ingleses ou a milenaria Igrexa románica de Xaviña (vía Pescadoira) serán visitados nos días centrais da Semana Santa por un autobús cargado de visitantes foráneos, nunha ruta plena de beleza salvaxe e arquitectónica. Este era o motivo que explicaba que un xigantesco tractor da empresa Construcciones Casal de Camelle percorrera os camiños de Reira na pesada tarde primaveral de abril levantando nubes de po que o forte vento nordeste esparcía por doquier ao longo da pista sahariana de Reira.
{phocagallery view=category|categoryid=611|limitstart=0|limitcount=0|detail=8|imageordering=1}