1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Nos últimos anos a celebración do entroido non se puido levar a cabo do mesmo xeito ao que estabamos acostumados por mor da pandemia. Porén, este ano comeza a recuperación do seu espírito no Concello de Camariñas cunha programación que irá dende o sábado 26 de Febreiro até o mércores 2 de Marzo e que percorrerá todas as parroquias cos seus bailes de disfraces, música, inchables e doces.

O sábado 26 de febreiro instalarase en Camelle unha gran carpa na que, de 16 a 20 horas, haberá música en directo a cargo do dúo ‘Plan B’, inchables e unha chea de doces típicos do Entroido.

O domingo 27 de febreiro, de 12 a 15 horas, o paseo marítimo da Ponte do Porto acollerá unha sesión vermú a cargo do dúo ‘Charada’, inchables e doces para os máis pequenos. Ese mesmo día o Entroido tamén viaxará até Xaviña, concretamente á Casa da Sociedá, onde de 16 a 19 horas haberá inchables, música e unha gran merenda.

O martes 1 de marzo haberá baile de disfraces en Camariñas. Será de 16 a 20 horas no pavillón Víctor Vigo e incluirá música en directo a cargo do dúo ‘Charada’, inchables, filloas e chocolatada.

Poñerase punto e final ao Entroido o mércores 2 de marzo co tradicional Enterro da Sardiña, que sairá de Camariñas ás 12 horas facendo un percorrido por Xaviña, Arou, Camelle e Ponte do Porto. O funeral será ás 18 horas na Praza do Mercado de Camariñas con chocolatada e churros.

 

Entroido2022.jpeg

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.