1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra estes días no recinto de IFEMA (Madrid) volve a ser o lugar escollido polo Concello de Camariñas para presentar a XXXI edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña que se celebrará do 13 ao 17 baixo o slogan “E ti, encaixas no paraíso?” co que se pretende facer un chamamento para dar a coñecer Camariñas pola súa riqueza e patrimonio máis aló da artesanía.

Esta presentación tivo lugar hoxe, xoves 20 de Xaneiro, no stand de Tourespaña. Nela deuse a coñecer por primeira vez o vídeo que promociona a XXXI Mostra do Encaixe no cal se percorre dende a Virxe do Monte até a duna rampante do Monte Branco pasando por todos os lugares e recunchos do municipio. A imaxe final é a que se recolle no cartel, a de unha rapaza, Ainhoa Toba, ataviada cun vestido de encaixe no cume da duna Monte Branco a mirar a praia de Trece.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, animou durante a súa intervención ao visitante a que “nos visite durante esta Semana Santa, asista á mostra do Encaixe e aproveite a súa estancia para coñecer o fermoso patrimonio co que contamos. Se o fai, estamos seguros de que volverá”.

“Camariñas está feita de encaixe, iso é indubidable. A nosa forma de ser, os nosos costumes e as nosas tradicións están tecidos con mimo polas mans das nosas amadas palilleiras”, explicou a rexedora, que engadiu que “Camariñas tamén está feita de mar e de terra. Nós cremos que en Camariñas está o paraíso e imos convencervos diso. Porque somos moito máis que encaixe: somos o Cabo  Vilán e o seu impoñente faro, somos o Cemiterio dos Ingleses e o seu fascinante e aterradora historia, somos a arte libre que  Manfred  esculpiu en Camelle, somos a lenda que se esconde na Virxe do Monte, somos as nosas espectaculares praias bañadas polo atlántico de area branca e fina”.

A XXXI Mostra do Encaixe, que recupera o seu calendario tradicional durante a semana santa, seguirá a liña anterior na que aposta pola innovación e a integración do encaixe nas diferentes artesanías galegas. Do mesmo xeito, continuará cos desfiles de moda así como o concurso de jovenes diseñadores e este ano engadirá a presenza de stands  de deseñadores e revistas especializadas.

Camariñas, o paraíso do Camiño de Santiago

O chamamento que aglutina a esencia desta XXXI Mostra do Encaixe ten que ver co plan que ten en marcha o Concello para destacar Camariñas como a etapa final, ou o ‘paraíso’ dunha ruta alternativa do chamado Camiño da Resurrección.

Hai unha teoría, que se recolle no libro “El Camino de Santiago y el Juego de la Oca”, de Sebastián Vázquez, pola que a ermida da Virxe do Monte é a fin do Camiño da Resurrección, o paraíso ou, como se relata no texto, o “Jardín de la Oca”.

Para iniciar o Camiño da Resurrección, despois de saír por Santiago o peregrino pasase por Padrón, Noia, Fisterra e chega a Muxía. Alí, ademais de atoparse coa traslatio de Cereixo e a igrexa de San Julián de Moraime, baixa até o santuario da Barca onde se atopa a pedra de abalar. Conta Sebastián Vázquez no libro que “xusto  en ese lugar produciuse o encontro entre Santiago e María e, segundo di a lenda, ela viña xusto de en fronte, onde se levanta a ermida da Virxe do Monte de Camariñas, proba diso son as pegadas dos seus pes que se conservan nunha pedra en fronte da ermida. Por mar son apenas catro quilómetros os que separan ambos puntos. Por tanto o peregrino debe volver sobre os seus pasos e chegará a Camariñas para acceder, por fin, ao xardín da Oca”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.