- Escrito por Víctor Fernández Álves Víctor Fernández Álves
- Categoría: Cultura Cultura
- Created: 21 Abril 2021 21 Abril 2021
Dende o Concello de Camariñas conmemorarase o Día do Libo a través do proxecto “Libros de Aquí”. A actividade deseñada pola biblioteca municipal pretende divulgar a obra de autores locais así como a de outros que se inspiran no municipio para os seus textos.
Os escritores e escritoras que participarán son: Rafael Lema co seu último libro ‘Camiño dos Faros: leyendas de la Costa da Morte’; Diego Garrote Novo con ‘Nuestra zarina’; Víctor Fernández Alves con ‘Notas a pé de barra’; e Guadalupe Jiménez-Esquinas coa súa tese "Del paisaje al cuerpo: La patrimonialización de la Costa da Morte desde la antropología feminista".
Esta iniciativa dará comezo mañá, xoves 22 de Abril, dedicando un día a cada autor e obra até o vindeiro domingo 25. Así, publicarase na páxina de Facebook do Concello un vídeo gravado polo propio escritor ou escritora no que falará do seu traballo permitindo a apertura de un diálogo cos usuarios a través de preguntas relacionadas co texto citado. Ademais, o vídeo principal estará acompañado por outros anexos onde algúns colaboradores comentarán a obra de cada un dos autores.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “a través desta iniciativa perseguimos un dobre obxectivo: fomentar a lectura e dar a coñecer tanto o fenomenal traballo dos nosos escritores como daqueles que se fixan na nosa terra para elaborar as súas tramas”.