5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

O Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) cedeu ao Museo de Man a réplica da casa do artista que foi deseñada por CREUSeCARRASCO. Esta formou parte da exposición “Museo (do ermitán) Man” do CGAC de Santiago dende o 6 de Marzo até o 6 de Setembro de 2020. Posteriormente foi trasladada ao Museo do Mar de Galiza en Vigo onde permaneceu até o 10 de Xaneiro deste 2021.

 

A peza busca recrear a imaxe que tiña a casa do artista nos anos 70 e presentar unha experiencia introspectiva ao visitante destes anos dos que gardamos gran parte da súa actividade artística grazas a un compendio que o propio Manfred sistematizou. Nel recolleu un total de 606 fotografías, debuxos e escritos nun traballo que denominou “Museum vom Einsieder Man. Camelle (La Coruña). Spanien”, un proxecto museográfico completamente innovador e que plasmaba conceptos moi actuais sobre a xestión, difusión e divulgación museística.

Os seus creadores definen esta peza coas seguintes palabras:

A reprodución da Casa de Man no contorno de Bonaval, coa imaxe que esta tiña nos anos setenta, supón asumir o risco dunha descontextualización que opera como recurso da memoria e ao mesmo tempo como posta na escena urbana dun artefacto que, para Man, funcionaba como un observatorio da paisaxe con estrutura de calidoscopio. Escoller un lugar á intemperie, rodeado por arquitecturas que percorren diferentes séculos e que podemos observar e recoñecer a través das ópticas que Man utiliza para interiorizar a paisaxe, pode resultar unha experiencia estimulante que esperte a nosa curiosidade e a necesidade de nos achegar ao contexto orixinal para o comprender mellor. A súa construción, pensada como alpendre transportable, lembra outras experiencias artísticas nas que son as circunstancias que rodean a estrañeza dun obxecto situado fóra de contexto as que lle confiren unha forza expresiva que nos fai reflexionar sobre o que en realidade é e para que serve.

A réplica da casa de Man continuará a pertencer ao CGAC, mais permanecerá a deposito indefinido no Museo Man de Camelle onde se expoñerá diante do propio museo.

ínstalando_a_casa_de_MAN_2_cambio.jpg

 

Por último, recordar que segue aberta a convocatoria na procura de persoas que coñeceran ou coincidiran con Manfred Gnädinger para realizar un documental sobre a súa vida e obra dentro da iniciativa “Proxecto Man: A Costa da Morte na Mirada”.

O prazo da convocatoria remata a finais deste primeiro trimestre do 2021 e as persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa produtora (Vizuals Lab) a través  do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no número de teléfono 981 978 876, ou se o prefiren mediante o correo electrónico do Museo Man Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 981 710 224.

man_o_alemán_de_camelle.jpg

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.