- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Cultura Cultura
- Created: 30 Outubro 2013 30 Outubro 2013
Florencio Rodríguez Figueiras é un porteño nacido na emigración, en Bilbao, e residente en Cáceres. A súa nai Mari Carmen nacida na Ponte do Porto, nas Barrosas, foi que me deu este verán un libro que Floren acababa de publicar. Un libro de poemas adicado ao pobo dos seus, Ponte do Porto, titulado “Na beira do mar”. Para min Floren é o fillo de Mari Carmen e o sobriño do Chiteiro, por iso este traballo está feito cun cariño especial. Floren descende dunha gran muller amiga dos versos e dos contos de algún día, a Rusa. Dunha liñaxe de canteiros altos e louros (Grela) e outra de músicos (os Figueiras). En fin, leva artistas por moitos ventos.
"NA BEIRA DO MAR, OS VERSOS DUN FILLO DA EMIGRACION"
por Rafael Lema
O libro é un compendio de poemas en galego e castelán, tamén de fotos familiares e de notas biográficas dunha longa familia de traballadores e emigrantes, na que teño bos amigos. Na contraportada o autor xa nos fala do que imos encontrar dentro das tapas, “allá donde muere el río ahogado en el mar, donde el agua marina se diluye con un dulce-salado de mareas, un viejo puente lo observa todo”. E nesta boca ribeira onde o meu bisavó facía lanchas no seu astaleiro da Xunqueira, o poeta sente que “hasta allí llega una parte de mi niñez, de mi adolescencia, de mis recuerdos; para quedar fondeados como aquellas pequeñas barcas que incapaces de subir más arriba, descansan silenciosas na beira do mar”. Así ao lado de poemas intimistas e persoais, temos outros cheos de nostalxia, de morriña polos días e as xentes perdidas, poemas da experiencia e tamén algún de denuncia social. Na obra, o autor intenta falar da separación do mais querido, da terra nai, creando unha figura ficticia que fala da súa nenez, adolescencia, madurez. E por último a volta do navegante, do camiñante canso de travesías e pleno de saber. Logo veñen outras partes dun carácter máis familiar, con fotos, crónicas e homenaxes. e nun poema final pide perdón “a los que aguantan mis pasiones por ponte do porto, por mi familia, por su gente, esta temible Costa de la Muerte”.
Esas pasións son o fondo e esencia deste poemario, un libro necesario nestes días polo que ten de recordo aos que nos precederon, de amor a patria lonxana pero sempre presente, e pola conservación da mirada lírica de afecto ao que nos rodea. Floren é un deses homes que non pode vivir sen a arte e a beleza, dos que se preguntan como segue sendo posible entre tanto materialismo desbocado a extraña liberdade da creación. A liberadora estrela e brilo da poesía. Quenes aman un lugar e unha xente que non teñen a man, poden vivir sumidos na dor, pero non na desesperación, porque saben que o amor existe. Porque saben que na terra nai, na nenez que é a patria dos homes, segue estando en pe o paraíso. E seguen vivos os rostros e as voces das xentes que xa non están mentres as recordemos.
Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.