- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Cultura Cultura
- Created: 17 Agosto 2013 17 Agosto 2013
Con bastante anterioridade a que por propia iniciativa o Kursk arrastrase aos seus 120 homes cara unha morte lenta nas xeadas augas do Mar de Barents, algo antes de que o Capitán do S-13 Aleksandr Marinesko afundira no Báltico de dous torpedazos o trasatlántico reconvertido en buque hospital alemán Wilhelm Gustloff e provocase a maior catástrofe marítima da historia (tempos despois Marinesko sería xulgado por un tribunal militar soviético pero non por asesinar 9.500 inocentes senón por un lío de faldas cunha cidadá de nacionalidade extranxeira, unha sueca de toma pan e molla, delito polo que se ve moito máis grave), máis ou menos polas mesmas épocas nas que os terroríficos lobos grises entraban a a repousar nas rías galegas, un inventor trabeiro, bisavó do noso colaborador, amigo e mestre de historia Rafael Lema, estivo a piques de contruir o primeiro submarino porteño. A arma secreta que cun par de bombazos podería devolver a mans hispanas o Peñón roubado, a que poido ser a gran esperanza blanca da gloriosa armada española. Nun país co empuxe e movilidade social dos Estados Unidos aparecería un socio capitalista e aportaría sen dilación os cartos que puxeran en movemento a xenial idea, pero como esto era España todo pasou sin pena nin gloria, quedou como unha anécdota de taberna e aínda gracias que Rafael Lema rescatou do olvido tan instructivo episodio. "¡Que inventen ellos!", como ben tivo a decir Unamuno. Triste e desaproveitada España.
HISTORIAS DA PONTE - O PORTEÑO QUE SOÑOU UN SUBMARINO
En todos os pobos hai certas lendas que ao ir morrendo os seus protagonistas só son ecos distorsionados e cheos de novas aportacións como todos os relatos orais. Pero detrás sempre hai algún episodio real, mais ou menos deturpado polos distintos pasos de boca a boca. Na Ponte do Porto precisamente varias destas lendas estamos comprobando que tiñan os seus visos de realidade. Unha é a da existencia dun bispo en Haití da familia Carballo, que deixara no 1883 unha fabulosa herdanza, historia certa que puiden comprobar. Outras refirense a revolta anarquista de sindicalistas porteños e camelláns nos inicios da guerra civil, tamén con abondoso rastro documental. E agora traio unha historia familiar que escoitei por vez primeira sendo neno aos meus avós. Contábanme daquela que o meu visabó Manuel Lema, coñecido por O Trabeiro porque viñera de Traba, e un amigo seu tamén de sona, Manuel Castiñeiras alias O Moto, armaran unha “chalana submarina” onde non se sabia cal era a popa e cal a proa, alá nos anos corenta, e incluso na súa botadura levaran a banda de música a tocar. O experimento case os afoga aos dous e a chalana converteuse cuns remendos nunha lancha co desino mais extraño que se viu na ria de Camariñas, a popular Lancha do Moto. O meu parente ao perecer botoulle a culpa ao Moto dos cambios do seu proxecto orixinal e nunha destas rifas guindoulle un martelo que por pouco lle da na fronte se outro non se anica. Axiña fixeron as paces e foron amigos toda a vida. Pero non lle deixou enredar mais no seu taller da Xunqueira
O conto é que o meu bisavó debeu ter sempre na idea o tema do submarino. El era carpinteiro de ribeira e o seu taller na Xunqueira ainda está en pe, tamén a súa ferramenta. Estivo nos anos vinte na Arxentina e trouxo unha caixa chea de madeiras raras americanas entre outros artiluxios. Construiu as primeiras galerías acristaladas do seu pobo, con madeira apañada do barco portugués naufragado Santa María. No 1925 mentres facía a porta do Casino entrou Valle Inclán e avisoulle “aparta barba de chivo” cando lle ía caer un tablón na cabeza. Así que podemos dicir que lle salvou a vida ao ilustre escritor. E na posguerra vendíalle wolfram de Brañas Verdes ao cónsul inglés na Coruña. Como os que foron a emigración daquela ao Río da Prata, chea de asociacións instructivas e sociais de galegos, colleu moita afeción a ler. A prensa, revistas, incluso novelas por entregas, que andan pola casa. Entre elas hai revistas arxentinas con modelos de barcos, e novelas de Verne. Nalgunhas falan de pioneiros da arma submarina como Peral, Holland ou Nordenfeldt. Pero na ria de Camariñas xa eran coñecidos os submarinos alemáns que na primeira guerra entraban a procura de víveres. O UB23, o U46, o U49. Un deles afundido na Guieira, outro a escasas millas, saindo do Castelo. E en Galicia temos un antecedente de submarino portaminas botado en Vigo no 1899 por Sanjurjo Badía, ao que pouco caso lle fixeron. Por unha cousa ou por outra, nunha libreta negra onde apuntaba as compras de madeira o meu bisavó trazou o plano dun submarino. A libreta corresponde a unha etapa entre 1927 e 1947, marco temporal onde debemos anotar o curioso prototipo. Para o casco tiña competencia abonda e as medidas e notas apuntan a que aquela máquina con forma de barca podía flotar e era gobernable. A cuestión supoño era que fora ao fondo e que volvera para arriba, e non lle pasara o da lancha do Moto. O asunto é que o inventor tiña amizade con encargados da fábrica de carburos de Cee e de Madeiras do Norte, cun coñecido aserradeiro na Ponte do Porto. Ou cos reloxeiros Lema de Vimianzo, aos que lle mercou un reloxo de parede cando ven de América. Tamén cun reloxeiro coruñés, Emilio Vergne, ao que lle pudo preguntar sobre o uso e poleas e eixes para mover a sua barca. Curiosamente Julio Verne visitou a Coruña e Vigo navegando, na nosa cidade tiña amigos e vivia unha boa colonia francesa; non sei se o apelido do reloxeiro coruñés, do que temos na casa un fermoso reloxo carrilón morez, tiña algo que ver con do novelista, pero é ben semellante.
Estamos falando según as notas do meu parente dunha barca de algo máis de dez metros de eslora por 4,4 metros de puntal, cunha plancha na cuberta e a súa torreta, axeitada para un ou dous tripulantes. Ten no seu interior unha parte central estanco, por onde se accede a torreta; e do centro a popa, na obra viva, un leme e roda que vai cara un eixe de temón para a maniobra do barco. Duas bombas de achique, unha grande e unha pequena conseguen aspirar ou expulsar a auga para que se inunde unha parte do sumerxible. Todo parece indicar que neses anos onde se adicou a ensair o seu prototipo, por mero divertimento supoño, trazou dous tipos, un manual e outro cunha dinamo eléctrica. Hoxe non seria complicado facer un prototipo reducido, a xeito de maquetismo, con estas notas e probar o seu grao de funcionamento. O conto é que na Ponte do Porto e de xeito artesanal houbo unha pequena contribución a historia da navegación submarina de uso civil. E lembremos que pese a termos a dous pioneiros da arma en España, Monturiol e Peral, o noso país tivo o primeiro submarino no 1917, non moito antes que o prototipo porteño, do que non sabemos o seu nome polo que propoño o de Xunqueira I. Manuel Lema Vázquez naceu en Traba de Laxe o 26 de maio de 1882 e casou na Ponte do Porto con Elisa Suárez Pazos nacida nesta vila o 10 de outubro de 1889.
Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.