1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Xoán Ramón Carballo volta a Camarinas.eu coa súa segunda entrega de Pola Beira do Río Grande

Dentro dun dos maiores esforzos literarios acometidos para retratar unha vila e unha época, Camarinas.eu procede a publicar a segunda parte de Pola Beira do Río Grande, a narración en tres capítulos desenrolada polo enxeñeiro técnico industrial porteño Xoán Ramón Carballo.  Toca deterse no segundo dos episodios nunha exemplar institución porteña que en breve, á volta da esquina, cumprirá o seu primeiro centenario de vida: a Sociedade Recreativa e Instrutiva O Casino, así como do importante patrimonio pictórico que alberga a máis antiga institución asociativa do Concello de Camariñas. Nunha evocación que constitúe un auténtico luxo, a través dun ritmo sosegado e firme, como o do discorrer das augas dun río, Camarinas.eu ten o honor de ofrecer aos seus lectores unha narración que pasa deste xeito a formar parte dos fondos literarios da máis importante e nutrida sección cultural da Costa da Morte. Con todos vos, Xoán Ramón Carballo, Pola Beira do Río Grande.

A navegabilidade do Río Grande (II)


Nesta imaxinaria viaxe que estamos facendo pola beira do río Grande, aquí tamén nomeado do Porto, e que vexo que leva moita carga nostálxica, non sei si un tanto rancia, remataba a primeira parte mencionando unha vella institución porteña preñada de historias e vivencias populares: O CASINO. Sen dúbida, despois da  igrexa católica e todo o que ésta representa, o Casino ven sendo a mais sobranceira e histórica asociación popular porteña.

A primeira acta de constitución da Sociedade Recreativa e Instrutiva O Casino data do ano 1915. Andaba Europa nese tempo ensarillada nunha das mais sanguinarias contendas bélicas, na chamada Grande Guerra europea, na que o asasinato do arquiduque Francisco F. de Austria, herdeiro o trono do imperio astro-húngaro, foi o detonante dunha contenda imperialista que rematou involucrando a tódalas grandes potencias mundiais, con un arrepiante balanzo final de oito millóns de mortos.  Nese mesmo ano, Albert Einstein presentou a teoría da relatividade; naceron entre outras personalidades: Orson Welles, actor e cineasta norteamericano, Ingrid Berman, actriz sueca, Frank  Sinatra, cantante e actor, Santiago Carrillo, político comunista español e un dos pais da actual Constitución española.

Namentres tanto, os porteños adiábanse a formalizar a constitución dunha sociedade, axeitadamente titulada como recreativa e instrutiva, que dentro de pouco celebrará o seu primeiro centenario, do que será obrigado dar conta en expresa crónica futura. Abonda agora con mencionar que foi e segue sendo, o epicentro da vida social da bisbarra. Dende o seu primeiro presidente-fundador, Manuel Rodríguez Domínguez, ate o actual Alexandre Devesa Riobóo, as paredes do Casino, teñen sido mudas testemuñas de abondosas escenas de ambiente familiar festeiro, de conversas de negocios, de concorridos bailes, intrigas e amoríos mais ou menos discretos, de discusións e enfrontamentos políticos, deportivos ou relixiosos. Terebrátulas variadas e de variados tons. Un século da para moito. No obstante, non coido que erre en demasía, se afirmo que a súa actividade mais frecuentada ten sido a conversa amigable e o uso do tempo libre practicando a saudable convivencia veciñal.  O sonoro e rítmico bruído do bater das fichas de dominó sobre a pedra de mármore branco, arriando con soltura o seis dobre, conxugando cos cantares de arrastro, corenta en ouros e as vinte en bastos, do tute ou subastado, sen esquecer  o julepe ou a escoba, quizás teñan sido as mais abondosas e instrutivas actividades sociais.

Mención aparte merece o grande tesouro artístico que mostran as súas paredes das que penduran unha excelente colección de fermosas obras pictóricas do artista José Fernández Sánchez, que nun verán dos anos sesenta, por encargo do naquel tempo presidente da entidade e amigo persoal do artista, Perfecto Collazo Amado,  adicouse a plasmar en tela diversas composicións que converten o Casino da Ponte en exposición permanente da obra do pintor coruñés. Eu lembro que parte da seu traballo primeiro, foi plasmado directamente sobre a parede sul do edificio social; os resultados non lle gustaron o pintor que logo reproduciu a súa obra sobre tela. Poida ser que nese muro, que separa o Casino da igrexa parroquial, teñan quedado vestixios dos iniciais bocexos.  A súa obra amosa  un debuxo firme e de trazo groso, Dende o pincel dos seus anos de madurez evolucionou ate a espátula a principios dos anos sesenta, acadando unha grande frescura e plasticidade na súa obra. A cerca deste artista galego, o ilustre profesor  Filgueira Valverde ten escrito: Fernández Sánchez é un dos poucos pintores que saben ollar o noso pobo, como unha comunidade, nas feiras, nas festas, no rueiro, no rio... Xentes que falan entre si, a modiño, sen berros, sempre xunguidos a Natureza, unha terra que acolle con agarimo de colo maternal... Quede aquí manifesta constancia do importante legado artístico que o Casino porteño atesoura.

Unha razón mais para engadir atractivo encanto, a visita que o viaxeiro debe facer a vila porteña. A obra do ilustre pintor coruñés reflexa con mestría distintas estampas onde o rio ven sendo o protagonista fundamental. O rio que tamén na realidade esta o alcance do visitante dende múltiples lugares. Convídote a ti, sufrido lector a que me acompañes nesta viaxe.

Estamos no medio da ponte nesta encapotada tardiña deste agosto no que o sol se ten mostrado tan tacaño e pergueseiro; cara ao leste domina o panorama a verde frondosidade da vexetación das fluviais marxines; para meirande regalía polas centelleantes augas discorren bandadas de peixes, ao tempo que un magnífico exemplar de garza de estilizada figura, deléitanos con un voo rasante de beira a beira. Se tes folgos debes adicar unha tarde a percorrer a ruta dos muíños, verdadeiro encanto de tramo fluvial no que se conxuga a natureza de ribeira con abondosa xenerosidade. Sons de variado timbre, cores de verdes dominantes, arrecendos de eucalipto, loureiro e fiuncho. Un pracer para os sentidos.
No medio de tan singular paisaxe non podo deixar de citar un aberrante exemplar urbanístico que a beira esquerda do río, no centro da principal praza, levántase como un  monumento ao mal gusto; un esqueleto de formigón estructural que arrepía e que segue en pé a pesares da súa ilegalidade, contradicindo aquel vello aserto galego que predica nin casa a beira do rio, nin viña a beira do camiño.

Río a baixo a visión neste intre, en que a marea viva configura un ancho canle, a visión convértese en panorámica dende o longo paseo urbano que ten como telón de fondo os meandros do tramo final do río que morrerá mais abaixo formando a ria de Camariñas. O mar róuballe ao rio o seu espazo inundando, coas salgadas augas no seu derradeiro tramo.

Ate tal punto, que foi tamén o río Grande utilizado como canal navegable dadas as súas favorables características de anchura, fondo e correntes, ocasionadas pola influencia marial; navegabilidade que facía posible contemplar periodicamente a  arribada das gabarras, embarcacións deseñadas   especificamente para a navegación fluvial, para transportar os elaborados de madeira cara os portos de cabotaxe mais próximos. Deseñadas con pouca obra viva e fondo plano, para adaptarse o minguado calado das augas do interior da ría, e que o tempo facilitaba a barada en playas de area ou fango, non requerindo peiraos ou embarcadeiros para a carga e descarga. Construídas de madeira nas artesanais carpinterías de ribeira, afamados estaleiros dos que aínda quedan operativos nalgúns sitios (O Freixo, Cereixo ou Cánduas). Eran as  gabarras un prodixio de deseño da construción naval do seu tempo, con mestura de propulsión mecánico – eólica. A enerxía mecánica era froito do vigoroso esforzo humano feito a pan de millo polos seus tripulantes, de nomeado oficio gabarreiros, que utilizando longos e pesados remos, con acompasados e rítmicos movementos proporcionaban a forza motriz precisa para substituír ou completar a forza do vento, que enchía a súa única vela maior, engarzada nun estilizado mastro. Consideración a marxe, compre lembrar aquí, que ademais da obrigada tarefa da navegación, os gabarreiros, a maior parte deles veciños de San Xurxo de Buría, eran o os porteadores da totalidade da carga que na súa adega transportaba a gabarra, tanto na estiba como na desestiba; levando o lombo pesados troncos; arrepiaba velos camiñar descalzos en habilidoso equilibrio sobre un tablón que servía de inestable pasarela entre o peirao e a gabarra.
A contemplación da navegación das gabarras ao longo dos meandros do rio Grande, contrastando  a multicolor estampa das velas, o bater dos remos e o frondoso telón de fondo das ribeiras,  constitúen un pictórico cadro que non é doado esquecer.

Periodicamente, aparecía dobrando o Puntalete, despois de bordear Forno Sapo o emblemático Manuela,  -motoveleiro construído en Astano no ano 1951, sendo os seu armador e patrón, José Ramón Romero, de Camelle que logo cederíalle o temón o seu fillo Manuel. A estancia do Manuela no peirao da Solana enchía de ilusións, contos e aventuras, relatadas os expectantes nenos da vila, por algún dos seus mariñeiros mais faladeiros. Excepcionalmente, soamente cando tiñan lugar as equinocciais mareas vivas, marceliñas ou setembrinas, de cando en vez aparecía o xigante Serrucho que con moita dificultades e  con  calculadas manobras, seguindo na súa derrota o sinuoso trazado do canal se  achegaba ate os peiraos de Pías. Outros nomes de barcos de cabotaxe de ocasionais visitas eran o Puente del Puerto e Mariano Benlliure ..., As arribadas eran todo un acontecemento para rapaces e vellos. Sal, viño, aceite,  materiais de construción, eran os fretes procedentes de, Cádiz, Lisboa, Porto, Vigo, Vilagarcía ou Noia e que tiñan como destino os variados comerciantes e almacenistas  que convertían a Ponte do Porto no centro comercial e industrial da bisbarra.   
Compre sinalar que estas e outras imaxes son as que corresponden ao maxín dun neno daquela época e os espazos e medidas das cousas teñen o prisma axeitado a súa condición.

Despois desta  viaxe aos anos sesenta, a navegabilidade do río de hoxendía xa non é aproveitada para ningunha outra operación mais alá das lanchas adiadas a pesca deportiva ou navegación de recreo de pequenas esloras. As gabarras, motoras ou gamelas doutros tempos, xa non cursan as augas mar arriba seguindo o canle que coñecían como a palma da súa man, por que nada hai xa na bisbarra que precise do tráfico marítimo. A mellora das estradas fixo minguar e desaparecer as gabarras que, como os reos mesmo andan con auga salgada ou doce.   

Noutros tempos nos que os duros temporais do inverno, facían fuxir dos seus habituais amarres, embarcacións pesqueiras de  Muxía e Camariñas, que non tiñan as instalacións portuarias de agora, atopaban no peirao de Cereixo acougo e refuxio. Aínda hoxe se conserva xunto a casa de Ríos, rotulado con artesanais azulexos “Puerto de Cereijo”  do que xa hai anotacións en cartas e apuntes náuticos dende principios do século XVII.  
O que si persiste, é unha variada fauna piscícola habitada por troitas, reos e anguías, robalos e robalizas, muxos, soias, ...incluso angulas, en temporada. A pesca, en coto ou en tramo libre, é unha das moitas virtudes que o rio leva.

Rio a baixo, a ribeira esquerda volve os dominios do concello soneirán, o bicar as súas augas as beiras do señorial Cereixo dos Cabaleiros. Especial mención merece este pobo, noutro tempo sede do arciprestado de Nemancos e permanente exposición de nobre arquitectura señorial, con abondosos exemplos de notables construcións que teñen o mais sobranceiro exemplar no entorno da igrexa parroquial do século XII.

Pero Cereixo, Cereixo dos Cabaleiros para algúns mentores, ten merecido un capítulo especial. Nos vindeiros días atrevereime a intentar glosar con mais vontade que acerto, as belezas deste recuncho no que tiven a honra de nacer.

Comentarios   

Beldoña
+4 # RE: Pola beira do Río Grande IIBeldoña 05/09/2012 14:34
…E, nos, témo-la honra de poder ler a DON XOSÉ RAMON ALBITE.
Todo canto vostede nos está a amosar nesta fermosisima obra literaria, dou fe de que así acontecera.
Eu son contemporáneo seu, e vivín aqueles tempos e aqueles episodios que tan fielmente redactan os seus escritos.
Cando me apeaba da miña bicicleta na farmacia vella, logo de recoller as medicinas destinadas á “ farmacia “ da miña nai, daba unha voltiña polo peirao da Ponte, pa ver a trafega dos gabarreiros, que, como ben di vostede … “arrepiaba velos camiñar descalzos en habilidoso equilibrio sobre un tablón que servía de inestable pasarela entre o peirao e a gabarra… “
Honor e honra pa quen nos recorda as vivencias do pasado, sen esquecer o seu orgullo fiel de ser el un protagonista delas.
Grazas, XOSE RAMÓN, e PARABÉNS.

Antonio Puertas
Denunciar ante o administrador
kinos
+3 # RE: Pola beira do Río Grande (II)kinos 05/09/2012 16:50
Gran narracion literaria,onde me transportou por uns intres a un tempo e lugares moi distintos o actual.Noraboa tanto o propio narrador como a camariñas.eu,po r deleitarnos con esta lectura tan atractiva.
Denunciar ante o administrador

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.