A praia de Camelle volve a ser incluída nos controis oficiais da calidade da auga para a temporada 2020 da Xunta de Galicia. Así o informou a administración autonómica ao Concello de Camariñas tras recibir a solicitude do goberno local para que se volva a incluír ao areal no censo de praias aptas para o baño. Este sería o paso previo para que Camelle aparecese o próximo verán no censo de praias aptas para o baño. As últimas analíticas, encargadas polo goberno local, arroxan un resultado de ‘boa’ na calidade das augas do areal polo que o obxectivo da Consellería de Sanidade é comprobar que están sendo efectivas as medidas levadas a cabo polo Concello para reverter os malos resultados dos últimos exercicios.