• Praias de excelencia no Concello de Camariñas

    Achégase de novo a tempada de verán e a Consellería de Sanidade publicou as cualificacións das praias da Galiza como cada ano e entre elas as do Concello de Camariñas que desta volta ten até 7 areais dentro da excelencia.

    Así, as praias: A Areiña Branca, Area Longa, Arou, Lingunde, Lobeiras, O Ariño e Lago formarán parte este ano do grupo de areais cualificados coa nota “excelente” no cal se valora a calidade da súa auga e coidado da súa contorna para valoralas.

    Non son as únicas boas novas que recibiu o Concello de Camariñas con respecto aos seus areais. A praia de Arou tamén manterá a “bandeira azul” un ano máis premiando así a calidade deste areal e o compromiso que se ten a través de el coa ecoloxía. Por outra banda, a situación da praia de Camelle estabilízase acadando a cualificación de “boa” e permanecendo en situación de vixilancia tralos traballos que se realizaron na zona para mellorar a situación do areal.

    Por desgraza, non todo foron boas novas xa que a Area da Vila non puido entrar no censo de praias recomendadas. Porén, o goberno local asegura que isto non está lonxe de suceder grazas as melloras levadas a cabo no último ano e que permitirán enviar a documentación necesaria a Consellería de Sanidade para que este areal urbano pase á mesma vixilancia na que se atopa agora mesmo Camelle e que permite a súa progresiva mellora co paso dos anos e os controis.