Achégase de novo a tempada de verán e a Consellería de Sanidade publicou as cualificacións das praias da Galiza como cada ano e entre elas as do Concello de Camariñas que desta volta ten até 7 areais dentro da excelencia.
Así, as praias: A Areiña Branca, Area Longa, Arou, Lingunde, Lobeiras, O Ariño e Lago formarán parte este ano do grupo de areais cualificados coa nota “excelente” no cal se valora a calidade da súa auga e coidado da súa contorna para valoralas.
Non son as únicas boas novas que recibiu o Concello de Camariñas con respecto aos seus areais. A praia de Arou tamén manterá a “bandeira azul” un ano máis premiando así a calidade deste areal e o compromiso que se ten a través de el coa ecoloxía. Por outra banda, a situación da praia de Camelle estabilízase acadando a cualificación de “boa” e permanecendo en situación de vixilancia tralos traballos que se realizaron na zona para mellorar a situación do areal.
Por desgraza, non todo foron boas novas xa que a Area da Vila non puido entrar no censo de praias recomendadas. Porén, o goberno local asegura que isto non está lonxe de suceder grazas as melloras levadas a cabo no último ano e que permitirán enviar a documentación necesaria a Consellería de Sanidade para que este areal urbano pase á mesma vixilancia na que se atopa agora mesmo Camelle e que permite a súa progresiva mellora co paso dos anos e os controis.
Este luns 24 de xuño de 2019 a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recolleu na praia de Montalvo, en Sanxenxo, a distinción de ‘Bandeira Azul’ que outorga a Xunta de Galicia aos areais galegos. Foi precisamente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen fixo entrega da distinción para a praia de Arou.
A praia de Arou, do Concello de Camariñas, está entre as 38 praias da provincia coruñesa galardoadas con Bandeira Azul este 2019. O distintivo garante que nas praias que o teñan exista información, educación e xestión ambiental, unha boa calidade da auga de baño, accesos sinxelos e seguros, e a presencia dun equipo de socorrismo axeitado. Este premio é concedido por un xurado internacional presidido pola Fundación Europea de Educación Ambiental (FEE), e outorgado en España pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC-FEE).