O Concello de Camariñas confirmou mediante un estudo arqueolóxico que a futura senda entre Area da Vila e Lingunde non afecta ao xacemento arqueolóxico da Punta dos Castros. Logo deste resultado, o informe xa se presentou en Patrimonio para que a Dirección Xeral autorice para a posterior licitación por parte de Costas do Estado. Completouse unha actuación que resultou fundamental para poder desbloquear a situación e que comecen así as obras. Incluiu a limpeza manual da vexetación por parte dos operarios municipais, efectuada con control arqueolóxico.
O Concello de Camariñas está a preparar un novo proxecto para executar a 2ª fase do paseo marítimo de Area da Vila, que se enfocará en protexer ás vivendas alí localizadas da erosión provocada polos factores climáticos e o paso do tempo. A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, acompañada dos concelleiros Sergio Caamaño e Encarna Liñeiro, reuniuse hoxe de xeito telemático co subdirector xeral para a Protección de la Costa, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, Ángel Muñoz Cubillo, para dar luz verde á redacción do proxecto.
O Concello de Camariñas decidiu homenaxear os 30 anos de vida da Mostra do Encaixe de Camariñas coa instalación dun monumento de pedra coas letras de Camariñas e que, na súa base reza ‘Capital do encaixe. Mostra do encaixe, sempre en semana santa”. A estrutura está situada na fachada marítima, na zona do Cansorriño, e contribúe a crear unha fermosa estampa na que se pode apreciar a ría ao fondo.
A alcaldesa Sandra Ínsua, lamenta a deixadez de Portos de Galicia repecto ao porto de Camariñas e concretamente na pasarela de madeira para os vehículos e os paneis laterais de cristal da pasarela peonil da Dársena que están en mal estado. O Concello cumpriu o acordo chegado con Portos para arranxar a pasarela de madeira, pero PORTOS o incumpriu ao non amañar os paneis de cristal. A entidade portuaria comprometeuse a facer un informe propio no que contemple posibles alternativas xa que actualmente só existe un informe municipal no que se conclúe que o problema é derivado dunha deficiencia estrutural. A alcaldesa manifesta a súa indignacion ante a situación da ponte da dársena que segue pechada pese o compromiso de Portos de arreglala.