• Presentación do obradoiro "Construíndo futuro"

    Onte, martes 30 de Novembro, tivo lugar o acto de presentación do obradoiro de emprego “construíndo futuro”  dentro do recinto do Museo do Encaixe de Camariñas. Este constitúe o terceiro programa mixto de emprego e formación que realizan de forma conxunta os concellos de Camariñas, Vimianzo e Muxía e, neste caso, buscará a mellora da situación laboral de 20 persoas.

    Deste xeito, o programa estenderase até o vindeiro 28 de Xullo de 2022 incluíndo dentro do seu exercicio dúas especialidades: “Conservación e mellora de montes” e “Pavimentos e albanelería de urbanización”. O proxecto está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade cunha subvención de 346.946 euros.

    Os obxectivos para a fin do proxecto son: o mantemento do monte Covadiña de Camariñas; a actuación, conservación e mellora de zonas axardinadas de Quintáns, Viseo e Caberta, en Muxía; a actuación forestal e de xardinaría no polígono industrial de Vimianzo, así como no campo da festa de Bamiro, na parcela Insua e na área recreativa do Val; o acondicionamento da praza Insuela, en Camariñas; ou as actuacións de albanelería de urbanización na sala de máquinas da piscina municipal de Vimianzo.

    Sandra Insua cualificou este día como “histórico porque rubricamos o terceiro obradoiro de emprego conxunto en menos de dous anos, todo un fito para a Costa da Morte en xeral e para Camariñas, Vimianzo e Muxía en particular” e amosou a súa intención de “seguir traballando para facer realidade experiencias como á que hoxe lle damos a benvida porque temos a obriga e estamos comprometidas coa inserción laboral na nosa sociedade”.

    Mónica Rodríguez dirixiuse ao alumnado e explicou que “agardamos que sexa o paso previo para formar parte do mundo laboral que vos servirá para desenvolvervos en todos os ámbitos da vosa personalidade” e desexoulles “a mellor das sortes, que a partir de pequeniños pasos poidades achegarvos un pouquiño máis á meta”.

    Iago Toba subliñou que “é a primeira vez que acollemos nun período de tempo tan breve tres obradoiros de emprego como estes. Lonxe de supoñer unha efeméride, temos que seguir loitando por consideralo unha experiencia que se achegue ao convencional”.

    Pola súa parte, Gonzalo Trenor, salientou “o esforzo importante que están a facer as administracións neste sentido” e animou aos participantes “a sacarlle o máximo rendemento aos 9 meses de formación que agora empezades xa que o obxectivo do obradoiro é mellorar a vosa empregabilidade coa finalidade de que atopedes un posto de traballo cando finalicedes!

  • “Construíndo futuro”

    Mañá, martes 30 de Novembro, realizarase o acto de presentación do obradoiro de emprego “Construíndo Futuro”. Este terá lugar as 13:30 no Museo de Encaixe de Camariñas coa presencia dos líderes dos municipios promotores: a de Camariñas, Sandra Ínsua, a de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o de Muxía, Iago Toba. Asistirán ao acto o delegado da Xunta de Galiza na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Judit Fontela.

    Este obradoiro de emprego conta con unha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galiza.