• Mourín con Mourinho

    Corren días extranos, febriles, para o Madridismo. Días nos que se combinan as máis gloriosas xestas futbolísticas co linchamento xornalístico do seu adestrador: unha guerra civil larvada entre casillistas e mourinhistas propiciada e aumentada polo acoso e derribo do xornalismo patrio, e nos que incluso o gran templo dos madridistas na Costa da Morte, o sagrado Cafe Bar José Manuel, era víctima esta mesma semana dun segundo asalto por parte dos amigos do alleo en menos de dous anos e medio. Tempos turbulentos nos que como resposta aos embates inclementes e furibundos dunha prensa deportiva maiormente convertida en chusma furiosa, o antigo e milenario distrito camariñán de Mourín, en plena Buría profunda, quixo deixar claro o seu carácter de feudo, bastión inexpugnable do Mourinhismo amosando o seu apoio unánime ao entrenador do glorioso Real Madrid, José Mário dos Santos Mourinho Félix, aquel coñecido como José Mourinho, "The Special One".