• Festa do Carme 2011: 16 de Xullo

    Acorde co verán miserable que estamos a vivir, o sábado 16 de xullo, Día do Carme, amenceu da peor maneira posible. Xélido, chuvioso e borraxeirento, un opaco tono gris foi o permanente telón de fondo que acompañou a celebración do día máis grande do ano en Camariñas. En condicións adversas como as descritas, o carácter invencible do Carme resplandece en todo o seu esplendor e a serpe multicolor da Danza de Arcos suple tódalas carencias climatolóxicas e tingue de colorido ata o corazón máis negro, o día máis escuro, a alma máis ocre. Perfecto complemento de distintas forzas en movemento, insuperable Comisión de Festas que en tempo récord foi quen desenrolar un traballo admirable e conseguir a miragre, operarios municipais (sempre os grandes olvidados) con horarios suicidas que comenzaban as 6 da mañán e rematan Deus sabe cando e onde nas datas máis sinaladas do calendario e formigueante Danza de Arcos, un ano máis o sagrado Día da Virxe do Carme encheu de ledicia, de emoción, dun bulto que se agarrotaba na gorxa ata o último corazón camariñán. Incluso co tempo máis miserable que se puidera vivir.