Si hai dez días camarinas.eu estaba presente na entrega ao Concello de Camariñas por parte de Augas de Galicia da Estación Depuradora de Santa Mariña, este luns 7 de xuño de 2010 facía o propio ca entrega da EDAR da Ponte do Porto no que constituía un día histórico para a antiga e histórica vila porteña xa que a partir de agora as augas residuais da Ponte do Porto, de O Allo e de Dor terán a súa estación terminal nunha EDAR da que sairán depuradas e cumprindo tódolos parámetros de salubridade e hixiene marcados pola Xunta de Galicia para o baño e o marisqueo. Desta maneira entra en funcionamento no noso Concello unha nova EDAR a sumar ás de Camariñas e Santa Mariña, estando actualmente en construcción a de Camelle, estacións depuradoras acometidas todas elas pola Xunta de Galicia previa posta a disposición dos terreos por parte dun concello obrigado na maioría dos casos a adquirir os terreos necesarios para elo. Lamentablemente, só resta por sanear a parroquia de Xaviña e neste punto coméntanos dende o Concello que o saneamento integral da parroquia máis extensa do concello e a canalización das súas augas fecais cara a EDAR porteña estaba recollida nun proxecto ao que a anterior Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, dirixida por Pachi Vázquez, dera o seu visto bo pero co cambio acaecido na Xunta o proxecto quedou parado. Eso nos decía un alcalde Pichurri que acompañado pola concelleira Sandra Insua Rial, cara ás 13:00 deste histórico luns 7 de xuño, no interior dunhas instalacións modernas e funcionais, frente as pantallas dos ordenadores e os paneis de control e baixo un teito que cobixaba do incómodo vento e da fina choiva que neses momentos arreciaban sobre o Río Grande, firmaba a entrega da EDAR porteña, se ben a xestión da mesma, debido aos enormes custos que trae aparellada, correrá durante os próximos 20 anos a cargo da empresa constructora.